Informa AXEGA 112
Dúas persoas tiveron que ser evacuadas en ambulancia polos equipos sanitarios tras producirse unha colisión na que se viron implicados tres coches, na AC-552, na Laracha.
O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través da chamada de alerta de varias persoas particulares sobre a unha e cuarto desta tarde. Durante a súa comunicación cos xestores de emerxencias indicaban que varios dos ocupantes dos turismos precisarían asistencia sanitaria.
Así, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, finalizada a súa intervención, confirmaron o traslado de dous feridos ata o centro hospitalario de referencia.
Ademais, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pediu a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Carballo, dos voluntarios de Protección Civil da localidade e do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas.