Un equipo liderado polo arqueólogo Tito Concheiro comenzou a sétima campaña de escavación no Castro das Barreiras, no concello de Vimianzo. Nesta ocasión o principal obxectivo é descubrir o gravado rupestre que se atopou nunha das cabanas, así como ampliar a área visitable do mesmo.
Segundo Concheiro “o Castro a nivel arqueolóxico é moi fértil, co cal sempre que vimos agardamos moi bos resultados”. O experto presentou a campaña xunto á alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco e o técnico de Deportes Víctor Santos.A vindeira semana comezará o plan de divulgación, no que participarán arredor de 500 alumnas e alumnos de centros tanto de Vimianzo como de Baio, ademais das visitas xa rexistradas esta fin de semana das persoas participantes na xuntanza de autocaravanas.
Neste sentido, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou “o traballo tanto das áreas de Deportes e Cultura como de todo o equipo de arqueoloxía, que como dixo antes Tito, está ó servizo da cidadanía, e realizan unha labor fundamental: a de difusión do coñecemento á sociedade”, e admite que “é ilusionante o que se vai vivir neste xacemento a vindeira semana”.
Un dos avances que se comunicou na rolda de prensa celebrada esta mañá no xacemento é a creación dun museo, dunha exposición, para que o pobo de Vimianzo e as e os visitantes, poidan comprender e entender de mellor maneira o que sae das Barreiras.