15.9 C
Santa Comba
miércoles, noviembre 6, 2024

O concello de Santa Comba homenaxea a Pepe de Xan Baña no mes das letras

O Concello de Santa Comba homenaxea no mes de maio a Pepe de Xan Baña no 150 aniversario do seu nacemento

O Concello de Santa Comba non quere pasar por alto o 150 aniversario do nacemento de José Baña Pose, máis coñecido polo seu alcume de Pepe de Xan Baña, quen viu a luz por primeira vez o 4 de xaneiro de 1872 na capital xalleira. Un equipo coa alcaldesa, María Pose, á fronte, secundada pola concelleira de Cultura, Cristina Fajín, e o edil de Educación, Manuel Iglesias, prepara unha serie de actividades que poñan en valor ó autor que foi dependente de adega, seminarista, propietario dun restaurante, poeta, xornalista, comerciante, mestre… pero sobre todo un dos escritores que cultivou o galego na emigración durante a súa estadía en Cuba. 

O mes de maio, mes das letras galegas por excelencia, estará dedicado na capital xalleira ó autor nacido en Varilongo. Para achegar alomenos un pequeno anaco da súa obra ós veciños, o Concello de Santa Comba está a repartir nestes días de balde entre os establecementos de hostalaría de todo o municipio sobres de azucre nos que figuran distintos versos do poeta para que se entreguen coas consumicións que se precisen. O obxectivo é dar a coñecer como este escritor homenaxeaba coas súas rimas á súa terra, ós seus paisanos ou á toponimia. 

Pero a homenaxe a este emigrante que emprendeu camiño cara a Cuba cando tiña 17 anos, embarcando o 19 de decembro de 1889, non queda ahí. Haberá un acto central no colexio que leva o seu nome no que non faltarán a música e os xogos tradicionais. E no eido educativo tamén se impulsará un concurso de debuxo nas escolas, destinado a alumnos de Infantil e Primaria, coa figura do poeta como eixo central e que repartirá lotes de libros e material escolar como premios tanto ós rapaces como ós centros educativos.

Para afondar máis na figura de Pepe de Xan Baña estase a elaborar un roteiro no que figuran os lugares máis emblemáticos da súa vida, máis os que menciona na súa obra, e a maiores organizaranse visitas teatralizadas para que este polifacético escritor permaneza vivo na memoria dos veciños de Santa Comba. 

A importancia de Pepe de Xan Baña vai moito máis alá da súa obra. A súa amplia formación chegoulle da man do Seminario no que ingresou tres anos despois de pisar Cuba, aínda que non finalizou a carreira eclesiástica. A súa faceta profesional derivou ó xornalismo. Foi a man dereita de Curros Enríquez, unha das figuras do Rexurdimento, traballando con el no diario La Tierra Gallega que fundou o autor de Celanova na Habana e son moitos os que consideran que a obra de Curros non sería a mesma de non ser pola influencia de Baña Pose, quen tivo unha importante presenza na prensa cubana, tanto en xornais locais como nos periódicos da colectividade galega. Foi redactor do semanario Follas Novas e colaborador no Diario de la Marina, Diario Español e Santos e Meigas. Na prensa adoitaba botar man do pseudónimo de Pepe de Xan Baña, alcume que tamén empregaría nos seus traballos literarios.

A maiores, a súa actividade foi importante tanto no Centro Gallego de La Habana como na entidade Hijos de Santa Comba de Negreira, da que foi fundador e ocupou o cargo de secretario na primeira directiva.

En lingua galega publicou Cartas ós de Santa Comba de Negreira (1911), Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en 30 anos en Cuba. Vindicación (1921) e Suspiros n´a terriña, despois de trinta e dous anos d´a Habana (1922). Foi no ano 1921 cando cruzou de novo o charco para visitar a súa Santa Comba natal. Aproveitou a súa estadía para impartir dúas conferencias: unha no colexio Cuba da Baña e outra na feira de Santa Comba, que serían publicadas nun folleto á súa volta á illa caribeña completándose a súa obra con artigos en distintos xornais e revistas. E non deixou pasar o seu labor altruista aportando vinte mil pesetas da época para investir no cemiterio da súa parroquia. 

Pepe de Xan Baña, todo un exemplo e un avanzado na escrita en galego desde a emigración, morrería na Habana o 16 de outubro de 1945, cando contaba con 73 anos, sendo soterrado no panteón do Centro Gallego da Habana.

Esta figura literaria ben merece ser recordada e ser motivo de orgullo para os veciños de Santa Comba, e en extensión polos de Bergantiños e Soneira moi presentes na súa obra e donde gozaba de moita sona, polo que o Concello espera darlle continuidade en anos vindeiros a esta merecida homenaxe que se vivirá ó longo do mes de maio.   

Nota do concello de Santa Comba

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,320SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos