A vila de Caión sufriu durante a pasada madrugada un acto vandálico que supuxo a queima de catro contedores de lixo (iglús de vidro e papel-cartón e colectores amarelos de envases e gris da fracción resto) situados na Avenida Méndez Núñez -baixada ao porto desde a praza Eduardo Vila Fano- e provocou importantes danos no cadro e transformador eléctricos existentes nas súas inmediacións.
Aproximadamente ás catro da mañá acudiron os bombeiros de Carballo para sufocar o incendio. Tamén se persoaron no lugar axentes da Garda Civil.
Como consecuencia deste acto, varios edificio de Caión sufriron o corte do subministro eléctrico durante a noite, que foi restablecido nesta mañá. Do mesmo xeito, tamén se viu afectado o servizo de iluminación pública. O Concello fixo as comprobacións oportunas para detectar posibles danos no alumeado.
A Policía Local da Laracha iniciou unha investigación para tratar de dar cos responsables do sucedido, solicitando a colaboración cidadá co propósito de esclarecer os feitos.
O Concello lamenta profundamente o sucedido, non só polo custe económico que suporá para as arcas municipais, tamén por perturbar a tranquilidade da vila e provocar incidencias no subministro eléctrico tanto en vivendas particulares como en establecementos comerciais. Do mesmo xeito, o Concello mostra a súa preocupación pola sucesión de actos vandálicos que se están a rexistrar na vila de Caión nas últimas semanas, xa que tamén se produciron recentemente a queima doutro contedor de lixo, o roubo de dous amarres de colectores e a ruptura de varias balizas do alumeado público do paseo marítimo.
Nota de prensa concello da Laracha