– Rafael Lema-
«Palmeiras, piueiros» poemario de Anxo Angueira, editado en Chan da Pólvora, nace tras a perda da palmeira de Manselle, a súa aldea, pranta morta polo escaravello chinés. Angueira presenta un díptico entre a palmeira, que ten o don da visión e da memoria; e o piueiro, termo recuperado polos mariñeiros da Guarda, que son as primeiras pedras ou «pandullos» usados no fondeo dalgunhas redes. No texto vemos unha autopoética asinada polo propio Anxo Angueira, unhas notas de lectura asinadas por Chus Pato e unha entrevista de man de Xabier Cordal.
Mais tamén temos presenza da Costa da Morte, terra a que soe vir coa súa dorna a vela Rosiña. E nestas entradas na xacobea ría de Camariñas, subidas polo río do Porto arriba ata Cereixo e o malecón de Ponte do Porto, prenderon varios versos do seu poemario. Esas singraduras polo pondaliano Anllóns, entre bombas de achique, sorrios, profecías do mar, ortelindas e rosiñas, salpresas das lembranzas dos seus recorridos mareiros, polas nosas rías e os mares cántabros.
Angueira é escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, e volve a publicar poesía despois de quince anos de silencio. «Palmeiras, piueiros» (Chan da Pólvora) foi lanzado na oitava edición das Converxências Portugal-Galiza, celebrado en Braga. Desde «Fóra do sagrado», no 2007, Anxo Angueira non volvera a publicar poesía. A editorial Chan da Pólvora destaca que este novo poemario «non rompe só un silencio prolongado senón que ofrece unha perspectiva global do autor no seu sesenta aniversario». Unha tensión entre o exótico e o enxebre que engarzan coa aperta entre a terra e o mar, o eu e o nós, sempre coa mirada dun letraferido rosaliano das terras de Dodro.
Polo Anllóns a Pondal en Ponteceso
desamarrando en Camariñas
deica a Ponte do Porto
á Punta de Fincheira e mais Tanxil
no feirón de Rianxo
de Pasaia e Trintxerpe
a Salvaterra do Miño
para fondear no Festival
de Poesía do Condado
Ortelinda e Rosiña.