Despois de distintas queixas públicas o BNG traslada esta situación “intolerable” á Valedora do Pobo. Este é o comunicado remitido polo grupo municipal do BNG de Cee
No hospital comarcal de Cee levamos sen servizo de psiquiatría desde finais do ano pasado, deixando as usuarias sen a correcta atención, sen as consultas periódicas e sen poder seren atendidas en condicións, aquelas pacientes que están a sufrir algún tipo de doenza mental.
Todo este tempo estívose a dar un servizo en precario, con atención, tan só unha ou dúas veces a semana en vez de a diario, e cada vez con profesionais distintos que son enviados a pasar consulta nesa sóa ocasión.
Para esta semana non está previsto nen tan sequera prestar esa atención precaria, nen un día só vai estar un profesional para atender as doentes. A situación está pois a empeorar.
Por iso, o Bng de Cee, considerando intolerable que un hospital que da cobertura a tanta xente poida estar meses sen profesionais tan necesarios e que non teñen fácil sustitución, xa que @s medic@s de familia non están especalizadas nesa materia, vén de presentar unha queixa diante da valedora do pobo para que interceda na problemática. Estamos a falar de persoas con problemas de saúde que poden repercutir en algo moi serio e perxudicial para elas e as súas familias.