As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron a Lagoa de Baldaio, en Carballo para comprobar o estado da zona despois da intervención ambiental realizada pola Xunta“ co fin de regular o seu caudal hídrico e garantir a conexión entre a lagoa interior e o mar, con independencia das condicións meteorolóxicas”.
As actuación contaron cun investimento de 36.000 euros. Ángeles Vázquez explicou que a Xunta decidiu intervir para, “reducir de forma controlada e progresiva o volume de auga acumulada no humidal, e nunha segunda fase, mellorar o fluxo entre a lagoa interior e o mar, unha regulación que naquel momento non se podía conseguir de forma natural”.
Pola súa banda, Rosa Quintana, coincidiu tamén en subliñar que as actuacións realizadas pola Xunta na lagoa de Baldaio son unha boa mostra de que se poden conxugar os intereses ambientais cos do sector marisqueiro dado que a actividade do sector é compatible coa preservación dos hábitats.
Por iso, explicou que o Executivo galego vai seguir traballando para coidar o medio ambiente e protexer a actividade marisqueira que desenvolve a Asociación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio, que multiplicou por cinco desde 2018 tanto a súa produción como a facturación.
En presenza do presidente dos mariscadores da zona, Alfredo Castro, que acompañou ás conselleiras durante a visita, Rosa Quintana tamén incidiu en que o coidado deste espazo singular e a aposta polo marisqueo contribúen a crear emprego, xerar riqueza, dinamizar o rural e fixar poboación na contorna.
Nesta liña, lembrou que a Consellería do Mar pon todos os anos axudas a disposición do sector co obxectivo de mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros e que desde 2009 aprobou distintos proxectos da agrupación de mariscadoras de Baldaio por importe de preto de 60.000 euros coa finalidade de mellorar o estado das súas zonas de traballo. Tamén estiveron presentes na visita a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo e o deputado autonómico Rubén Lorenzo.