// 28 de maio campo de fútbol do Conco – Dumbría //
Ao igual que na película de José Antonio Bayona, un monstro virá a vernos, neste caso á Costa da Morte. Será dun xeito menos onírico, pero igual de fantástico, aínda que cunha finalidade moito máis lúdica: para inspirar un festival memorable que reunirá por primeira vez en directo a outros tres monstros, no seu caso da música: Luar Na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano, estes dous últimos en calidade de amigos da banda liderada por Bieito Romero. De momento son, xunto coa artista local Alexandra Suárez, os artistas convidados que xa están confirmados, pero non se descartan máis.
O catalizador deste festival con vocación de continuidade será o Vákner, unha desas bestas lendarias que merecen ser rescatadas, o que xustamente decidiu facer o Concello de Dumbría no ano 2019. Aínda que moito se discute sobre se era un touro, un lobo ou incluso un dragón, todo apunta a que se trata dun lobishome, segundo concluíu un simposio internacional celebrado en Dumbría tamén no ano 2019 para afondar na identidade do Vákner. Ata entón pouco máis se sabía del desde que se lle aparecese a un bispo armenio fai 6 séculos, entre os anos 1491 e 1493, na súa peregrinaxe por estas terras.
Este festival aspira a ser o gran encontro musical da Costa da Morte, pero non so a iso, pois celebrarase en maridaxe con outros ingredientes como a arte, a literatura ou a gastronomía.
De feito, todo iso forma parte do proxecto “Territorio Vákner”, impulsado polo Concello de Dumbría, que lidera desde 2019 unha aposta de territorio, de valorización do patrimonio inmaterial e de aproveitamento turístico na que quere implicar a toda a zona influída polo Camiño a Fisterra e a Muxía.
A boa nova é que o concerto será gratuíto, pois así o decidiu o concello, malia que para controlar o aforo será igualmente preciso obter as entradas a través de www.ataquilla.com e de forma presencial nas instalacións municipais. As entradas, tanto on line coma físicas, estarán dispoñibles a partir do martes 19 de abril ás 10:00 h.
O común denominador do festival, ademais do Vákner, será nesta primeira edición a música de Luar Na Lubre, que se fará acompañar dun grupo de amigos que participarán no concerto en calidade de invitados, entre os que se atopan tanto Víctor Manuel como Ismael Serrano ou a cantante local Alexandra Suárez, aínda que non se descartan máis sorpresas.
O último traballo de Luar Na Lubre, que leva por título ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’, será así presentado na Costa da Morte nun concerto especial por diferentes motivos. Será a primeira vez que Luar na Lubre actúe en Dumbría, saldando así unha débeda histórica con este concello da comarca, unha terra coa que a banda líder de folk galego ten unha enorme vinculación. Así o explica o seu líder, Bieito Romero: “Nos nosos 19 traballos, e a excepción do álbum Ribeira Sacra, aparecen cancións vencelladas coa Costa da Morte, da que me sinto moi preto. De feito, dei clases de gaita en Malpica, Zas e Coristanco e resido nunha das entradas á mesma, en Arteixo. O vínculo emocional para min é enorme, pero ata o de agora deuse a circunstancia de que nunca tocáramos en Dumbría”. Tamén destaca Romero a importancia da figura do Vákner, pola que o grupo apostou desde un principio dedicándolle precisamente un tema no seu último traballo.
Pero ademais, será tamén a primeira vez que Luar Na Lubre, Víctor Manuel e Ismael Serrano coincidan nun directo en Galicia despois de ter colaborado en diferentes discos.
O álbum ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’ enlaza historias e lendas dos peregrinos que percorreron os diferentes camiños que levaban a Santiago, así como as súas derivacións ata Fisterra e Muxía, nos confíns da terra. No Festival Vákner mesturaranse os temas deste traballo con outros clásicos e moi coñecidos polo público.
Pero, como diciamos, non todo será música. En torno a esta proposta musical realizaranse diferentes iniciativas culturais, como a entrega do certame literario Territorio Vákner, nas súas dúas categorías: escolar e adulto; ou o descubrimento dunha escultura do Vákner, entre outras. Todas as actividades desenvolveranse na mesma xornada, o sábado 28 de maio, en horario de mañá e tarde.