O portavoz municipal do PSOE en Santa Comba foi entrevistado no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, desde onde valorou a xestión do actual goberno:“A acción do goberno local vén sendo a mesma que a dous últimos trinta anos. Non se nota unha melloría nin un cambio de rumbo”.
Facilitar a inclusión das persoas
Carlos Turnes considera que o goberno presidido por María Pose debería atender ás cuestións básicas:“Polo menos que arranxen o que temos, que se deixen de obras faraónicas. Que amañen as aceiras. E que traballen para facilitar a inclusión da xente. Unha persoa con mobilidade reducida, saíndo da Alfonso Molina ten moitos problemas”.
Nesta liña engadiu:“Non vale de nada gastar nunha poxa de xovencas se os que estamos aquí día a día non temos onde traballar. Se non hai un camiño por onde pasar de pouco me vale a subasta, que está moi ben pero o que importa é o día a día”
E tamén referiuse ao goberno anterior que lles deixou unha sensación “agridoce” xa que o PSOE foi partícipe:”Empezamos con moítisima ilusión para romper a rutina e darlle un cambio a Santa Comba”. Pero a experiencia non foi boa.
“Imos chegar reforzados ás eleccións municipais”
Turnes Romero criticou a dinámica das sesións plenarias:“A prioridade debería ser Santa Comba non traer mocións instándolle a Pedro Sánchez”.E emprazou ao goberno a responder:“Fas preguntas e cando deberían responder desde o equipo de goberno, contestan outras xentes”.
Sobre a situación do PSOE despois do acontecido coa moción de censura, o portavoz municipal afirmou:“Estamos en reconstrución. O que pasou foi un pau enorme. Pero temos bastante ilusión e os froitos veranse”.
A idea agora é “recuperar xente de antes e sumar outra nova” e as previsións son óptimas:”Estamos traballando.Imos chegar reforzados e cun bo equipo ás eleccións e con persoas que queiran traballar”.
Desde Radio Xallas animou á veciñanza a trasladar as súas inquedanzas ao grupo municipal socialista:Nós o que queremos é traballar por Santa Comba e darlle a voz á xente nos plenos. A función do PSOE é axudar á xente no que se poida”.