O voceiro parlamentario do Grupo Socialista, Luís Álvarez, e a vicevoceira Begoña Rodríguez Rumbo, escoitaron as principais demandas do goberno local de Muxía a través do alcalde Iago Toba, repartidas en tres eixos: o sanitario, o da pesca e o das infraestruturas.
No primeiro ámbito, o alcalde puxo de manifesto as deficiencias que existen canto á atención primaria e a pediatría no concello. Nesta liña, a falta de profesionais “está a mermar de maneira considerable a calidade da atención que reciben os veciños e veciñas de Muxía”.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, tamén trasladou a preocupante situación do secadoiro de congro da localidade, o único que queda no municipio. Segundo o PSdeG o rexedor “reiterou a súa indignación polas restricións que está a poñer a Xunta para que poida desenvolver a súa actividade con normalidade, tendo en conta ademais que se trata dun oficio que mantén unha técnica tradicional e artesanal e de elevado valor turístico”. Nesta liña reclama protección e non atrancos para o sector e as familias que viven desta arte.
Finalmente, o rexedor muxián tamén incidiu nas demandas realizadas ao goberno galego para que leve a cabo actuacións de mellora no sistema de abastecemento da vila. Asegurou que de momento non había resposta por parte da Xunta.
Tras expresar o seu apoio ao alcalde e ao goberno local de Muxía en estas reivindicacións, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, e a viceportavoz, Begoña Rodríguez Rumbo, anunciaron a presentación de diferentes iniciativas parlamentarias para instar á Xunta a que cumpra con Muxía e atenda estas demandas