– Xosé Manuel Lema-
José Benigno Santamaría é un “ilusionista xalleiro” por partida dobre. Porque fai ilusionismo con ilusión. Mozo coas ideas claras e que se esforzou para poder dominar trucos e subir chanzos no mundo da maxia. Non se perdía un espectáculo cando podía, e buscaba toda a información posible en internet. E practicaba moito coa baralla.
Aquelas caixiñas de “Magia Borrás” sempre lle chamaron a atención aínda que a súa relación inicial coa maxia foi intermitente. E procuraba ver ós magos:“Estaba fascinado cos magos que viñan actuar a Santa Comba, o que é de agradecer que os trouxera o concello”.
Como me contou nunha entrevista en Radio Xallas, actualmente está centrado na cartomaxia, aínda que no seu repertorio ten números con outros aparellos.“Non só uso cartas, tamén panos, cordas, e outras cousas.Podes facer maxia prácticamente con calquera cousa. É importante ofrecer un espectáculo variado para nun aburrir, sobre todo se son rapaces”.
O seu “bautizo” foi nun acto académico, diante de varios centos de persoas.“Foi a primeira actuación nun escenario. A xente gustoulle.Desde ese día decidín que tiña que continuar e seguir este camiño”.
Despois tivo a ocasión de actuar en actividades de “El Juguetón” e tamén acompañando ao Mago Charly Braun.“Non é o mesmo facer maxia para nenos pequenos que para adultos. Cambia totalmente todo” comentou José Benigno.
Agora segue disposto a ir seguir aprendendo e ir dando pasos firmes nesta práctica tan magnífica. É humilde, ten ilusión e vocación de traballo. Xa ten moito gañado.