O Partido Popular de Santa Comba, a través da alcaldesa do municipio, María José Pose, esixiu hoxe á Ministra de Transporte, Raquel Sánchez que abra unha liña de diálogo inmediata cos convocantes do paro do transporte que permita o desbloqueo urxente da situación que vive Galicia derivada do paro provocado pola alza dos prezos dos combustibles.
Nunha carta asinada por un total de 25 concellos galegos nos que se recollen máis de 100.000 litros de leite ao día, os rexedores destes municipios mostraron a súa enorme preocupación polas consecuencias que pode ter na actividade dos gandeiros o paro do transporte de mercadorías que se está desenvolvendo desde o pasado 14 de marzo.
Na carta enviada á ministra, os alcaldes subliñan que Galicia é a novena rexión europea en produción de leite, alcanzando os dous millóns novecentas oitenta mil toneladas no ano 2021, o que supón o 40% do total nacional.
“Nestes momentos existen dificultades de abastecemento de materias primas nas fábricas de pensos, hai empresas que non están a recoller o leite das explotacións gandeiras e a maioría das industrias agroalimentarias galegas non poden sacar o seu produto terminado cara á distribución”, explicou Pose, que asegurou que si a situación actual prolóngase no tempo existe un risco claro de colapso, non só do sector lácteo senón da totalidade do sector primario galego.
Ante esta situación, os alcaldes demandan ao Goberno central que se protexa o sector primario e o conxunto da cadea agroalimentaria galega, xa moi afectado pola inasumible subida dos custos de produción que vén padecendo desde o ano 2021.
Corredores seguros
Ademais, na carta, os alcaldes urxen a que delegación do Goberno en Galicia cree corredores seguros para garantir:
1. O transporte dos cereais e do resto de materias primas de alimentación animal, desde os portos ás fábricas de pensos.
2. O transporte dos pensos compostos desde as fábricas de pensos ás explotacións gandeiras, toda vez que as explotacións intensivas de aves, coellos e porcos non teñen outra fonte de alimentación para o gando.
3. O transporte das producións agroalimentarias desde as explotacións agrarias ás industrias e os matadoiros, un asunto esencial no sector lácteo, no que a produción de leite non pode deterse dun día para outro.
4. O transporte dos produtos industriais elaborados desde as industrias e matadoiros ás empresas de distribución, así como a entrada nas súas instalacións de materias primas e consumibles necesarios para os seus procesos produtivos, toda vez que xa hai industrias lácteas que suspenderon a recollida de leite por non poder sacar a súa produción das fábricas e ter completada a súa capacidade de almacenamento, ou por falta de materiais para os seus procesos produtivos.