As cámaras de televisión e a arquitecta Rosa Facal continuan coa súa alianza. Este domingo 13 de marzo ás 23,00h na Televisión de Galicia comeza unha nova edición de “Galicia Bonita”. É a cuarta tempada.
Unha aventura que Rosa Facal non pensou, nun principio, que se ía a prolongar no tempo, pero aquí segue. Como contou na sintonía de Radio Xallas, “Este ano Galicia Bonita arranca en Rial de Zas co arranxo da Casa da Escola”.
Indica que “foi unha experiencia moi divertida e unha obra enorme”. Xunto coa escola hai unha antiga vivenda do mestre e un lavadoiro.“Ningunha obra é fácil pero aquí había moitos veciños, e foi a actuación máis grande, polo de agora, que fixemos” comenta Facal Varela. Adiante que nesta nova tempada “hai cousas que nunca fixemos”. A partir do domingo xa iremos vendo.