– Xosé Manuel Lema-
Damián Rodríguez Busto é un mozo que quere pelexar duro polos seus soños. Desde a humildade: “Nunca me cortei en preguntar cando os artistas ou dj´s viñan a Sala Soco de Vimianzo a actuar. Quería aprender”.E así comezou, comprando uns “cacharros” por cen euros e agardando unha oportunidade que chegou precisamente na Sala Soco que rexenta Fernando Ordóñez. Hoxe está de dj residente neste local, dirixe a discoteca móbil R Events e traballa en distintos proxectos.
Este venres acompañoume “Na Encrucillada” de Radio Xallas, o día que estreou “Na Llama”. Unha canción con vídeo clip na que conta cunha aliada de excepción, María Jordán “María Kilate”, vocalista da Orquestra Olympus.
Escoita a entrevista a DJ Rokiño desde o minuto 28
“Sempre tiven gañas de producir algo” comenta Rokiño, que coa axuda de Gotchi e G Face foi artellando “Na Llama”. E buscando unha voz feminina apareceu María Kilate.
Rokiño tiña claro que quería un tema que fixera alusión, sen citalo directamente, ao coronavirus e que fora en galego. Está moi contento como está funcionando o tema recen saído do forno. “Só coa promoción previa da canción, xa foron saí ndo cousiñas e espero que Na Llama soe moito en Galicia”.
Asegura que nas súas sesións “vou indo sobre a marcha” e busca interactuar coa xente:”Penso que o importante é animar á xente e incitala a meterse dentro do ambiente que ti vas creando”.