O Partido Popular de Muxía absterase no vindeiro para desbloquear a situación que se vive no concello e que poida aprobarse o Plan de Obras e Servizos (POS) financiado pola Deputación da Coruña.
Aseguran que tomaron a decisión “despois de que o rexedor, Iago Toba, aceptase na comisión celebrada esta mañá a proposta feita polo PP de incluír no POS adicional” as obras nos viais de Armear-Labexo, Agreiras-Castelos, Caberta, depuradora de Quintáns e Moraime-Oruxo.
“Unha vez máis o PP é a solución aos problemas que crea un alcalde que esquece que goberna sen maioría e que se nega a falar coa oposición para sacar adiante os proxectos que afectan ao día a día do Concello” manifestou Sandra Vilela.
Incapacidade do goberno local
Para a portavoz popular “os veciños de Muxía merecen que o seu alcalde lles diga os motivos de por que o alcalde non senta a falar coa oposición e por que trata de chantaxear ao resto de partidos, a pesar de que a súa postura poida prexudicar ao futuro do concello”, indicou.
Por outra banda, a popular referiuse tamén á “incapacidade” que o Goberno Local ven demostrando á hora de xestionar o POS alternativo que lle reclamou facer a esta formación. “Pediunos que presentamos unha alternativa, fixémola a pesar de ter só 13 horas e despois resulta que non é capaz de xestionala”, explicou Vilela.
Por últitmo Vilela esixiu ao Goberno Local e ao alcalde que “abandone o enfrontamento constante” coa oposición e sente a falar sobre aqueles asuntos que son “fundamentais” para Muxía.