14.5 C
Santa Comba
jueves, julio 7, 2022

Comunicado do alcalde de Muxía sobre a problemática dos secadoiros de congro

– Iago Toba Campaña- Alcalde de Muxía

Os secadoiros de congros son un emblema da nosa cultura e tradición, patrimonio de Muxía que debemos de coidar e protexer 

Hai uns días espertamos coa triste nova de que Sanidade daba un golpe definitivo aos nosos secadoiros de congro.Dende hai un tempo estamos asistindo a un desmantelamento da forma de vida da costa. Normas e prohibicións que dan as costas aos oficios tradicionais e baseadas solo nunha total insensibilidade e descoñecemento do que é a nosa vida. 

Creo que incluso distan de ser medidas intelixentes xa que falamos continuamente da alternativa do turismo como proposta de futuro. Mais se queremos ofrecer un turismo de calidade haberá que ter algo máis que terraza e praia. O turista tamén quere mergullarse na cultura e ver que ofrece o lugar. E dende o Concello de Muxía podemos asegurar que hai un número de chamadas inmenso preguntando polos secadoiros de congro. As actividades e visitas guiadas levadas a cabo nos mesmos sempre foron un éxito. 

Porque non debemos menospreciar ao turista pensando que non ten interese en nada máis que comer e tomar o sol. O turista tamén quere, cada vez máis, vivir experiencias e por aí van as novas tendencias nas estratexias de promoción de turismo. Que mellor experiencia que visitar un secadoiro de congro, coñecer a historia, ver como se manexa o peixe , escoitar as historias do mar relacionadas coa pesca e rematar degustando este manxar, todo nun lugar de natureza fermosa, a pé de mar?

Pois o descoñecemento e a insensibilidade tráennos ata o punto no que estamos. Pode pedírselle a un artesán que tire toda a produción que fixo coas propias mans, con moitas horas de esforzo e con gran sabedoría? En que argumentos lóxicos se apoia tal esixencia? Para eles cando traballan o congro están honrando aos seus antepasados, e fano cunha técnica exquisita. Todo un arte Poden entendelo os señores da Xunta?

Como Alcalde síntome indignado por este atentado non sólo a unhas familias que viven desta industria, senón tamén a un oficio que forma parte da nosa historia e da nosa identidade. O secado do congro xunto coa industria do encaixe aguantaron das familias e deron esplendor a unha Muxía que en tempo de inverno non podía vivir da pesca pois os temporais abondan e o nordés bate forte. 

Os secadoiros de congro de Muxía son un orgullo para nós. Porque falan de quen somos e de onde vimos, e están en pé pola vontade e esforzo de persoas que aguantaron dunha tradición que está funcionando dende a Idade Media. Deberían estar protexidos; e as persoas que os rexentan merecen un monumento polo esforzo e polo respecto que mostran pola nosa cultura e identidade.

E xa non falemos do respecto aos nosos maiores. Eses que fixeron que esteamos aquí e ben orgullosos de ser quen somos e vivir no lugar que vivimos e de ser xentes do mar. Ese mar que da tanta vida e que tamén a quita porque é moi duro, pero leva séculos aguantando do noso país. Estes maiores, como o sr. Juan que pasou por épocas ben duras no seu secadoiro pero aguantou firme como as propias cabrias, vai ter que ver agora como o seu legado vai a pique por unhas normas que se ditan nun despacho ao que non chega o salitre?

Claro que hai que atopar forma de axuntar modernidade e tradición. Nesa loita están os rapaces que rexentan os dous secadoiros de Muxía. Mozos que respectan o legado familiar e que non renegan da súa tradición mariñeira, que están a formarse porque queren facer as cousas ben. Non llo poñamos máis difícil do que xa é loitar para manter un produto así na economía global e capitalista. Deberían ser as propias Administracións quen atoparan saídas para ese reto. Deberían poñerse a traballar para ver alternativas de mantemento destes monumentos da cultura do mar.

Hai que entender dende Sanidade con que estamos tratando. Non falamos dunhas prácticas mal feitas, falamos dun secado ao aire que ten que ser así porque é a forma tradicional de curar o peixe, unha técnica como foi o afumado e o salgado cando non tiñamos conxeladores. E como algo especial debe tratarse. Como patrimonio material e inmaterial. E as cabrias deben permanecer en pé porque son uns prodixios de arquitectura rural, construídos nas propias pedras. En terreo de todos, como están os percebes que se crían na pedra; e que non veña Sanidade a dicirlle ao percebe que non pode estar aí porque é terreo exterior!

Hai que poñerse a traballar xa para facer que os dous únicos secadoiros de congro en pé sexan apreciados como o que son, un ben cultural e etnográfico ademais do medio de vida de familias.

Hai que ter sensibilidade á hora de falar do que da de comer á xente, pero sobre todo do que forma parte do noso ADN, da nosa identidade e que non imos deixar que morra. Porque llo debemos aos centos e centos de homes e mulleres que suaron lañando o congro para que Muxía seguira adiante. Non imos quedar quedos ante esta desfeita.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Concello de Val do Dubra
Concello de Val do Dubra
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,776SeguidoresSeguir
462SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos