Info-Axega 112 – Foto- Bombeiros Costa da Morte
O suceso ocorreu no peirao de Fisterra onde o home se precipitou dende unha altura duns catro metros a unha zona de rochas.Así o relataban os axentes da Policía Local ao 112 Galicia, que se desprazaron ata o punto nada máis ser alertados. Tamén os servizos sanitarios e os Bombeiros de Cee xa foran informados do incidente.
Ao redor da unha deste mediodía, os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade informaban ao 112 Galicia da súa saída. Indicaban que foran alertados por un particular dunha persoa caída no peirao.
Unha vez no punto, onde xa se atopaban os axentes da Policía Local e o equipo sanitario, os profesionais, valoraron a súa evacuación. Para iso, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia, por si fose necesaria a intervención de medios marítimos ou aéreos para facer o rescate.
Finalmente, os Bombeiros de Cee indicaron ao 112 Galicia que xunto co persoal que se atopaba na zona, puideran evacuar á persoa nunha padiola e que unha embarcación particular trasladouna ata o peirao, onde a agardaba unha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 co seu equipo médico.