Despois de que a proposta do goberno local fora rexeitada no pleno deste mércores, o executivo socialista trasladou a posibilidade de que os concelleiros do PP e os non adscritos presenten o seu Plan alternativo. Este é o comunicado de prensa remitido desde o goberno muxián.
O goberno local antepón os intereses da veciñanza ante o bloqueo dos tránsfugas e do Partido Popular de Muxía
Un día despois de que os dous tránsfugas e tres concelleiros do Partido Popular de Muxía bloquearan e tiraran por baixo o POS 2022, incluídas as súas propias propostas, o goberno local non se resigna a que a veciñanza de Muxía perda máis de 550.000 euros fundamentais para mellorar as zonas rurais do municipio e a calidade de vida da veciñanza da vila da Barca.
O Concello de Muxía, a través de alcaldía, enviou un documento oficial aos implicados neste bloqueo para que poidan presentar un POS alternativo, antes das 23:59 horas de hoxe, que será aprobado polo grupo de goberno sen poñer trabas nin condicións algunha.
Desde o grupo de goberno se considera que calquera obra ou intervención para Muxía é positiva e por iso antepón os intereses da veciñanza a calquera outros, aínda que a oposición, coa súa actitude, parece non ter en conta os intereses veciñais.
Unha vez se presente ese POS alternativo e sexa aprobado polo grupo de goberno, desde alcaldía encargarase de coordinar xunto coa Deputación da Coruña todos os trámites necesarios para ampliar o prazo de presentación da documentación, que terá que ser enviada antes das 15:00 horas de mañá.
O equipo de goberno, a pesar da súa indignación por esta situación de bloqueo continuo, pon este Plan Único nas mans da oposición xa que considera máis importante a mellora das infraestruturas e a calidade de vida dos veciños e veciñas que outros intereses políticos ou persoais.
Ante a falta, unha vez máis, de propostas por parte de oposición equipo de goberno antepón os intereses da veciñanza para salvar uns cartos moi necesarios para o futuro do Concello de Muxía.