Foto-archivo
O Pleno Extraordinario de Mazaricos que se celebrará este xoves ás 14h tratará a adhesión do Concello ao Plan de Obras e Servizos Pos+2022 da Deputación da Coruña co obxectivo de financiar importantes obras na rede de vías municipais. Tamén se incluirán no Plan de Obras e Servizos as actuacións de posta en valor e consolidación do templo de Santa Baia e a ampliación que completará a rede de saneamento de Suevos.
O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, lembra que o concello conta con case 1.000 quilómetros de vías de titularidade municipal. Moitas delas son camiños e pistas rurais que dan servizo á maquinaria pesada das explotacións agrogandeiras ou dos labores forestais. A conservación en boas condicións desta inxente rede de camiños require dun grande investimento, motivo polo que esta obra se encadra dentro do Plan de Obras da Deputación.
Do mesmo xeito, o rexedor salientou a necesidade de incluír no POS obras de calado como o saneamento de Suevos e a actuación sobre as ruínas de Santa Baia, “importantes proxectos para dar servizos aos veciños e para a conservación do noso patrimonio”, indicou.
Mellora de firme en 6 parroquias
Deste modo, e dentro do POS+2022, o pleno de Mazaricos tratará o proxecto de mellora dos firmes en varias parroquias do municipio, caso de Antes, Beba, Chacín, Corzón, Mazaricos e Vaos.
Na parroquia de Antes, o proxecto contempla unha actuación na pista Gatiñeira e camiño de San Cosme nun tramo duns 500 metros. Na parroquia de Beba actuarase sobre o acceso sur, así como no acceso ao lugar de Outeiro e na pista da Illa, que se localiza ao nordés de Vilariño de Beba.
Na parroquia de Chacín actuarase na estrada de Godón e na de Vioxo, levando a cabo un recheo de fochancas, limpeza de gabias e aplicación de triplo tratamento asfáltico.
En Corzón actuarase nun dos camiños que atravesan a aldea de Lugarnovo para reparar danos no pavimento asfáltico Na parroquia de Mazaricos, actuarase sobre a pista forestal de acceso ao castro do monte Aro, e na pista da Devesa, de acceso a parcelas agrícolas. Aínda na mesma parroquia, repararase o camiño a Fonte Codeso, danado polo paso de maquinaria eólica de gran tonelaxe.
Na parroquia de Vaos actuarase sobre o acceso á igrexa de Santo Tomé creando unha zona de aparcadoiro. Na mesma parroquia actuarase no acceso ao aeródromo, infraestrutura de apoio para hidroavións, e na pista de Candosa, perpendicular á outra.
O orzamento de execución material destas obras ascenderá a 177.451,21€ .
Outras melloras de firme
O pleno debaterá igualmente outro proxecto para a mellora de firmes e actuacións complementarias nas parroquias de Beba, Chacín, Coiro e Mazaricos, encadrados tamén no POS+2022 provincial. O orzamento será de 174.030,54 €.
Na parroquia de Mazaricos, actuarase na estrada que comunica Pidre coa Picota, e mais no rueiro interior de Serráns, onde se creará un muro de contención de 35 metros nun noiro con pedra de cachotería. En Vilariño de Beba, actuarase sobre o rueiro para unificar a pavimentación.
Tamén haberá actuacións na estrada que une Suevos e Beba entre a AC-400 e a DP-4501. Trátase dun dos principais eixes de comunicación interna de Mazaricos. Nesta actuación limparanse as gabias, arranxaranse fochancas e aplicarase triplo tratamento asfáltico nun tramo de aproximadamente 2.750 metros de lonxitude e un ancho medio de 5,5 m.
O proxecto inclúe tamén a limpeza de cunetas e o arranxo e mellora do pavimento na estrada entre o lugar de Beba e as aldeas de Xestó e Godón, así como entre estas e Asenso.
Intervención no templo de Santa Baia
O pleno tamén debaterá sobre a intervención no templo de Santa Baia a través de obras de consolidación das ruínas, igualmente adscritas ao POS+2022. O proxecto levado a pleno contempla que se destinen preto de 30.000 euros para a consolidación do conxunto, con capacidade para converterse nun punto de referencia para o turismo
O conxunto parroquial de Santa Baia, na aldea do mesmo nome, presenta un claro estado de abandono logo de décadas sen culto. Tras asinar un acordo co arcebispado compostelán, o Concello afrontará obras de consolidación do conxunto que freen o seu deterioro, e xa procedeu á limpeza da maleza da zona durante o outono.
O proxecto levado a pleno contempla xa que logo as obras necesarias para posibilitar o uso recreativo do conxunto, garantindo o acceso seguro ao recinto e ao cemiterio e tendo en conta o estado actual ruinoso das instalacións. As obras comprenden a desmontaxe dos restos da cobertura e a demolición dos entramados de cuberta con risco de colapso. Retiraranse entullos e apontoaranse as estruturas, ademais doutras intervencións puntuais.
Saneamento en Suevos
Tamén se someterá a deliberación do pleno o proxecto, incluído no POS+2022, de ampliación da rede de saneamento de Suevos. Esta actuación complementa a obra executada en 2020 na zona da estrada AC-400, ao longo da cal se trazou a rede de canalizacións. Con esta nova intervención, ampliarase a rede de colectores ao longo da mesma estrada para conectar as vivendas do leste da aldea. O orzamento da obra é de 28.570,00 €.
Nota de prensa- Concello de Mazaricos