INFORMACIÓN AXEGA 112
Trátase dunha nave adicada á recollida e xestión de residuos situada no Polígono de Catro Ventos, en Santa Comba.
O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) desprázase, nestes intres, cara o lugar cunha cisterna de 25.000 litros de auga e un dron, que sobrevoará a zona afectada coa finalidade de captar imaxes dos posibles focos para axudar a centrar as labores de extinción e poder atallar o lume canto antes.
Faltaban dez minutos para as once desta mañá, cando varios particulares contactaban co 112 Galicia para informar de ver saír fume dunha nave de aceites. Aseguraban que os traballadores estaban fóra e que, polo menos, unha persoa estaba sendo atendida polos mesmos compañeiros.
A partir de aí, desde o 112 Galicia púxose en marcha un dispositivo no que ademais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e do Gali, interveñen varias dotacións dos parques de Bombeiros de Santa Comba, Carballo e Cee. Igualmente, participan os membros do GES de Brión e de Protección Civil da localidade, a Garda Civil e Policía Local, así como, o persoal do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, que contribúen con diversas motobombas para facer fronte ao lume. Así mesmo, foron informados o persoal de Augas de Galicia e do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Segundo a información recibida no 112 Galicia, a nave ardeu practicamente na súa totalidade, polo que, os traballos de extinción, céntranse, nestes intres, en atallar as lapas que tamén afectan á nave do carón.