Xa son máis de 8.000 persoas as que puideron namorarse de Muxía a través dos seus sons. A campaña ‘Muxía, un municipio de sensasións’ presentada en FITUR a semana pasada está a ser todo un éxito e o código QR conta xa con máis de 8.000 descargas.
Estes marabillosos sons poden escoitarse cun xesto que se popularizou por mor do estalido da pandemia, o escaneo dun código QR. Así, por medio da tecnoloxía, Muxía leva a súa cultura, as súas tradicións e a súa historia arredor de todo ou mundo.Ademais, decenas de rostros coñecidos como Abel Caballero, Touriñán, Paula Vázquez ou a propia Ministra de Turismo, Reyes Maroto, promocionaron e foron embaixadores de luxo da campaña xunto ao alcalde de Muxía, Iago Toba.
Entre os sons e as ‘sensasións’ máis reproducidas e que están a ter maior éxito entre os usuarios e usuarias son o das palilleiras de Muxía e o ‘Viva a Virxe da Barca’ do veciño local, José María.
Promoción turística
A viaxe a Madrid non puido ser máis produtiva xa que o rexedor tamén tivo a ocasión de recibir o interese de diferentes empresas nas reunións mantidas pola redes de hoteis e albergues de Muxía.
Paralelamente, tamén puido asistir á reunión de resultados de Paradores, que certificou ao Parador de Muxía como o mellor valorado de todo o país.
“Muxía é un municipio de sensasións e por iso estamos moi orgullosos do éxito que está a ter esta campaña que leva o sentir do noso Concello polo mundo. Muxía entra polos cincos sentidos e este QR é tan só unha mostra da nosa esencia, das nosas raíces, da nosa particular fala e do que somos”, destacou Toba.