Terra Galega, BNG e a AVLC veñen de solicitar este mércores a celebración dun pleno extraordinario relacionado coa problemática éolica que afecta a este concello.
Lembran a moción do BNG aprobada por unanimidade na que se pedía á Xunta de Galicia a suspensión da tramitación dos proxectos eólicos e que non tivo resultados positivos.»Esta actitude da Xunta non xustifica e pasividade do goberno local» critican.
E destacan que xunto co proxecto do Campelo, a preocupación aumenta co proxecto de Braña Ancha, con maior impacto en Santa Comba pero cunha «incidencia moi importante no mesmo entorno agravando os efectos negativos que se van a poñer de manifesto co parque do Campelo».
Protección da Lagoa de Alcaián e da Braña Rubia
Propoñen que nesta sesión plenaria se acorde a declaración da Lagoa de Alcaián e da Braña Rubia como ENIL (espazo natural de interese local) e que se aprobe a interposición dun recurso contencioso-administrativo , xunto coa petición da medida cautelarísima urxente consistente na suspensión da resolución da Xunta de dar luz verde a autotización administrativa e a declaración de utilidade pública do parque eólico do Campelo (Coristanco e Santa Comba).
Tamén queren que se presenten alegacións «contra calquera proxecto eólico» mentras non se aprobe en consenso un novo plan comarcal «que defina perimetralmente os espazos susceptibles destes tipos de instalacións».
A este asunto referiuse en Radio Xallas o portavoz de Terra Galega, Amancio Lavandeira:«Apostamos polas enerxías renovables pero non pode ser a costa de avasallar ou impoñer este tipo de parques. Hai que contar coa opinión dos veciños. O concello non pode dicir amén a todo».
Lavandeira amosouse moi crítico coa actitude do goberno local:»Unha asociación de Cuns pediulle ao alcalde unha asesoría, e o alcalde contesta denegándolle este tipo de axuda. O concello non está colaborando. E non se poden colocar eólicos preto das vivendas ou das instalacións gandeiras».