O concello de Mazaricos acolleu unha xuntanza para informar sobre proxectos eólicos A Picota I e A Picota II, os cales o alcalde Juan Blanco confía, que sexan rexeitados:Moi probablemente a Xunta denegue a autorización administrativa” apuntou.
Juan Blanco denunciou que os proxectos de parques eólicos A Picota I e II constitúen, orixinalmente, un mesmo parque, ao compartir liñas de evacuación e outras infraestruturas. O rexedor lembrou a práctica común por parte de moitos promotores eléctricos de fraccionar os parques por debaixo dos 50 megawatios para sortear a normativa estatal e os estudos de impacto ambiental e sinalou que a sentenza 254/2020 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en relación co parque eólico das Sasdónigas (Mondoñedo) pecha a porta a esta posibilidade e senta xurisprudencia sobre o carácter irregular destas divisións.
En relación co proxecto do Parque Eólico A Picota I, Juan Blanco reiterou que varios dos muíños previstos están situados fóra das áreas contempladas pola Xunta na ordenación do territorio, mesmo incumprindo a normativa española e galega sobre incendios que non permite o cambio de usos de terreos ardidos. Igualmente, varios muíños atópanse nas proximidades de explotacións gandeiras e de vivendas, así como do Camiño de Santiago. Salientou do mesmo modo o incumprimento de varios dos viraventos do previsto na normativa aeronáutica e o feito de que os informes dos promotores contemplen un importante impacto patrimonial.
“Nós queremos deixar moi claro que non estamos en contra da enerxía eólica, pero estamos a favor de que se cumpra a lei”, explicou o rexedor. Juan Blanco amosouse confiado en que Xunta non autorizará os proxectos da Picota e sinalou que en caso contrario o Concello optará pola vía contencioso-administrativa.
Blanco tamén puxo de manifesto as similitudes do caso da Picota co do Parque Eólico das Sasdónigas pola afectacción sobre o Camiño de Santiago e o fraccionamento fraudulento, fundamentais na anulación do proxecto mindoniense. “É moi indicativo que no caso da Picota se tramiten ambos proxectos cun mes de diferenza e sobre a mesma liña”, salientou.
“Este parque non ten cabida pola afectacción directa sobre o territorio que vai ter”, resumiu o alcalde. “Non estamos contra os eólicos e queremos que as instalacións enerxéticas redunden no benestar dos veciños das áreas onde se instalen, e por iso imos pelexar porque se cumpra a lei”, manifestou.
A continuación, o alcalde respondeu ás preguntas da veciñanza. Os asistentes amosáronse preocupados pola posible actuación da Xunta, ante o cal o alcalde reiterou que calquera autorización do Goberno galego destes proxectos incumprirá a normativa vixente e obrigaría ao Concello á vía contencioso-administrativa. Mazaricos recolleu durante o mes de decembro preto de 200 alegacións contra os proxectos de Parque Eólico a Picota I e II.