Mantéñense os campamentos como medida de conciliación. O Concello considera que é a mellor opción dada o actual incremento na expansión da COVID-19 en todo o Estado
O Concello de Mazaricos vén de anunciar a anulación da programación lúdica de Nadal debido ao empeoramento xeral da situación epidemiolóxica no conxunto do Estado. Co obxectivo de evitar o risco de contaxio no contexto das datas de Nadal, o Concello toma esta decisión coa saúde da veciñanza en mente.
Como servizo de conciliación, manterase unicamente o campamento de Nadal nas datas previamente indicadas e no horario habitual (27, 28, 29 e 30 de decembro, e 3, 4, 5 e 7 de xaneiro, de 9.30 a 14.30h. O Concello informará puntualmente de calquera modificación no emprazamento ou horario do campamento.
En Mazaricos, segundo datos do Sergas, rexístrase unha incidencia acumulada para o concello superior aos 250 casos por cada 100.000 habitantes con 11 novos casos diagnosticados na última semana. A dúas semanas, a incidencia está entre 250 e 500, con 14 casos.
O Concello traslada os seus mellores desexos para unha pronta recuperación a todas as persoas afectadas e chama a toda a veciñanza a cumprir coas medidas e coidar un dos outros. Non lle cabe dúbida de que como sociedade estaremos á altura das circunstancias.
NOTA DE PRENSA DO CONCELLO DE MAZARICOS