15.8 C
Santa Comba
jueves, junio 30, 2022

Recoñecemento para a “Vía Céltica” como camiño oficial de peregrinación

Poderán obter a “Compostela” os peregrinos que partan de Caión, Malpica, Laxe, Ponteceso, Corme ou Barizo, seguindo a ruta do norte, ou desde Camariñas, Ponte do Porto, Santiago de Cereixo, Muxía, Fisterra, Cee ou Corcubión, pola ruta do oeste.

O Arcipreste de Céltigos e o Presidente da Asociación Costavales reuníronse o mes pasado para concretar a ruta co Deán da Catedral e co Coengo Delegado de Peregrinacións, logo de máis dun ano de contactos e traballo de investigación

O Arcipreste de Céltigos, Eduardo Prado Albaredo, e o Presidente da Asociación Costavales, Manuel Amigo Ferreiro, recibiron esta semana o recoñecemento oficial da Catedral de Santiago para o histórico camiño de peregrinación a Santiago desde os portos da Costa da Morte e de Bergantiños pasando por Portomouro. 

Trátase da denominada “Vía Céltica”, polo seu paso central polo Arciprestado de Céltigos, que agora permitirá aos peregrinos recibir a prezada “Compostela” que expide a Oficina de Acollida ao Peregrino, segundo confirmou nun oficio o Coengo Delegado de Peregrinacións do Cabildo da Catedral, Segundo Pérez López. 

Os dinamizadores desta ruta xacobea xa tiñan presentado ante a Catedral as evidencias históricas reunidas no libro “Vía Céltica: Os camiños de Santiago por Santa Comba”, obra de André Pena Graña e Joám Evans Pim. En novembro mantivéronse reunións tanto co Deán da Catedral, José Fernández Lago, como co Delegado de Peregrinacións e o persoal técnico da Oficina de Acollida, permitindo concretar o cumprimento dos requisitos para a obtención da Compostela.

Con este último paso, acádase o obxectivo de obter a oficialidade do itinerario xacobeo durante o presente Ano Santo Compostelano, permitindo que os peregrinos que o percorran poidan recibir este recoñecemento expedido pola Catedral.

Requisitos para obter a Compostela

Como explica detalladamente a obra xa publicada, a Vía Céltica ten un tramo común entre Santa María de Paramos (Val do Dubra) e Santiago de Compostela (de 20 km), superando o río Tambre a través da ponte de Porto Mouro, e dous grandes ramais: o camiño marítimo desde os portos de Bergantiños, que chega a Paramos desde os portos de Laxe, Ponteceso, Corme, Barizo, Malpica e Caión; e o camiño marítimo desde a ría de Camariñas e Muxía, que chega a Paramos desde os portos de Camariñas, Ponte do Porto, Santiago de Cereixo e Muxía, cunha variante que sigue os pasos da Translatio por Fisterra, Corcubión e Cee.

Para obter a Compostela, os peregrinos deberán realizar unha ruta de cada un dos dous ramais principais da Vía Céltica. Isto é: percorrer o camiño a Santiago partindo desde algún dos portos de Bergantiños (Caión, Malpica, Laxe, Ponteceso, Corme ou Barizo) e realizar o camiño desde algún dos portos da Costa da Morte (Camariñas, Ponte do Porto, Santiago de Cereixo, Muxía, Fisterra, Cee ou Corcubión).

Alternativamente, poderán percorrer a Vía Céltica por apenas un dos ramais para obter a Compostela aqueles peregrinos que cheguen a calquera deste portos por vía marítima e teñan navegado a vela un mínimo de 100 millas náuticas ou aqueles que acrediten ter realizado a distancia restantepara completar os 100 km en itinerarios xacobeos recoñecidos nos seus países de orixe antes do inicio do camiño desde os referidos portos.

Próximos pasos

Desde a Asociación Costavales, anuncia Manuel Amigo, que “co recoñecemento oficial do carácter xacobeo deste vía de peregrinación ábrese unha grande oportunidade para dinamizar os concellos afectados, máis tamén esixe unha maior responsabilidade e implicación”. Costavales está xa traballando na elaboración dun mapa detallado e guías para os peregrinos que decidan percorrer este itinerario, máis lembran que cabe ás administracións impulsar a sinalización e delimitación precisa dos camiños.

Tamén anuncian que en breve serán tramitados coa mesma Oficina de Acollida do Peregrino a expedición dos primeiros selos para os puntos de paso, que os peregrinos poderán facer constar tanto nas súas credenciais tradicionais en papel ou mediante códigos QR nas credenciais electrónicas. Os primeiros selos estarán dispoñibles en establecementos comerciais de Santa Comba, máis confíase extender rapidamente a súa disponibilidade en establecementos ao longo das rutas.

NOTA DE PRENSA REMITIDA- ASOCIACIÓN COSTAVALES

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Concello de Val do Dubra
Concello de Val do Dubra
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,775SeguidoresSeguir
459SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos