O laboratorio tecnolóxico Xallas Lab iniciou unha nova edición en Santa Comba cunha xornada de portas abertas que se desenvolviu no Multiusos. Aínda quedan algunhas prazas para esta iniciativa gratuita dirixida a mozos de entre 12 e 19 anos.
En Radio Xallas a delegada de Ayuda en Acción en Galicia, Beatriz Varela, valorou o apoio do concello de Santa Comba e o éxito da anterior edición que “deixou un bo sabor de boca cun grupo fenomenal de rapaces e rapazas que propuxeron proxectos con base tecnolóxica” despois da aprendizaxe recibida en impresión 3D, robótica, deseño web gráfico ou edición fotografía e vídeos.
Beatriz Varela falou en Radio Xallas
“Este é un espazo para compartir e experimentar que xa está en marcha e con moitas ganas de que a xente participe” sinalou Varela. O laboratorio ten a súa actividade en horario extra escolar, con asesoramento de expertos e coa intención de formar pero tamén de divertir. Este ano o Xallas Lab é posible grazas á financiación da empresa Globalvía».