10.9 C
Santa Comba
domingo, mayo 11, 2025

A Vía Céltica de Santa Comba, viaxe na procura dos camiñantes

A VIA CELTICA DE SANTA COMBA, VIAXE NA PROCURA DOS CAMIÑANTES – RAFAEL LEMA

«Vía Céltica, os camiños de Santiago por Santa Comba» de André Pena Granha e Joam Evans Pim (Costavales, 2021) é un traballo no que os autores apostan polo paso de camiños de peregrinación xacobea polas terras do Xallas, e polo marco do actual concello de Santa Comba. Terrestres e mariños, cara San Pedro de Santa Comba de Céltigos ou do Xallas.

Dí ben o párroco dubrés Manuel Pontes no limiar cando recoñece que os autores non se conformaron con facer un traballo de arquivo, senón que parten dunha intensa escolla a pé do camiño, na procura de lendas, tradicións e fitos xacobeos. Os que facemos ante todo traballo de campo (sen absurdo abuso da enciclopedia para abultar e cobrar ao alcalde de turno que non lé o libro) agradecemos o esforzo.

A Xunta fai unha moratoria ata o 2027 para tratar de deslindar vías polémicas e unha delas é a que ía aos santuarios marianos de Fisterra e Muxía cando estas vilas eran da mitra. Agora os romeiros, que son os protagonistas onte e hoxe, cambiaron de idea e en masa non van aos dous esquecidos santuarios senón a Pedra de Abalar e ao cabo da fin do mundo. Lugares aos que sempre foron, antes do camiño, pero no medievo gótico cumprían ademáis coa visita as xacobeas Santa María das Areas e Santa María de Muxía, hoxe esquecidas, onre ricas de indulxencias. Onde a virxe se apareceu ao apóstolo, terra de María e antes das deusas mariñas (Venus, vieira).

O Camiño remata na tumba de Santiago, pero os camiñantes buscaban o mar, un rito iniciático ancestral, un baño de transformación, de resurreción. Santa Comba é a cerna da parte máis céltica de Galicia, a dos célticos do Támara, dos nerios, que deixaron gravado nas súas tumbas a súa etnia, para atranco dos negacionistas. Ese Céltigos tiña unha cara mariña da que saíu Nemancos.

En fin, é necesaria a revisión e posta a punto da vía fisterrá, que son dúas. Unha vai a Fisterra e outra a Muxía. Algo que o finado Luis Suárez e máis eu xa temos clamado no V Congreso Xacobeo no 1999; volvín facer referencia á situación no último, fai dúas semanas en Madrid. E nesta bifurcación entra no debate esta obra necesaria e que pode ser un piar para avanzar na investigación das rotas postxacobeas, malia os intereses encontrados que pouco teñen que ver coa esencia do Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Para ir a Fisterra desde Santiago había e hai un camiño. Para ir a Muxía hai outro. Esta é a clavis ad thesaurum. O Camiño de Santiago a Muxía pasa polas terras de Santa Comba, si ou si. Foi usado cos romanos e quedan restos desde paso; foi usado na Idade Media por reis e santos, e nos tempos dos arrieiros; foi usado polos nosos maiores, temos referencia oral viva. O resto é política e mentecatos que fan estudos a medida de quen lles paga e poden cambiar de opinión se outros lle enchen o peto.

Sempre defendín que os peregrinos, que tras visitaren Fisterra ían a Muxía, volvían por un camiño directo desde A Barca a Santiago. O mesmo sucede cos que partiron de Compostela a Muxía e logo foron a Fisterra. Temos un feixe de relatos que son testemuña de camiñantes que visitaron Muxía e foron a Compostela. O problema é que ningún escrito nos di se pasaron polo paso principal (Portomouro), cara Santa Comba e a ría de Camariñas. Ou se o fixeron por Negreira, Brandomil. Facer híbridos para contentar é un atentado ao rigor. Os datos que falan da ruta xalleira cara Muxía como principal vía histórica, de comercio, son moitos; e nesta obra, igual que en moitos dos meus artículos, hai boas referencias.

Pero a ausencia de relatos de peregrinos, de camiñantes xacobeos documentados, tanto no paso de Portomouro como no de Brandomil é unha grande eiva e o principal atranco para un recoñecemento pleno dunha rota precisa e ecuménica. Non negan no libro este problema, para os expertos do camiño o principal a hora de recoñecer unha nova vía. Aínda que son os camiñantes de hoxe os que fan os camiños (renovan uns, esquecen outros) e se queremos revitalizar unha ruta, ademáis de documentos hai que ter motivos máis que os económico-turísticos; e sobre todo peregrinos. España non é o pais con máis camiños xacobeos, hai máis en Francia e Alemaña, non é o problema abir novos senón ter razóns na reclamación.

Outro campo de investigación do libro, no que tanto teño traballado e sempre encontro novidades, é o das peregrinacións por mar, o uso de portos da Costa da Morte (antiga provincia de Santiago) como desembarco de naves con peregrinos. Nesta obra tratan tamén sobre os camiños marítimos por Santa Comba, as posibilidades xacobeas dos portos da ría de Camariñas actuais (Muxía, Camariñas) ou históricos (Cereixo, Ponte do Porto, Merexo, Area Maior de Moraime); de Laxe, Malpica ou Corme.

Teño nos meus traballos datos suficientes e acreditados que demostran que a ría de Camariñas foi escala na Idade Media e Moderna das grandes potencias navegantes, sobre todo dos venecianos e da Hansa. Con estes barcos viñan peregrinos, a veces compartindo carga e pasaxe, a veces fletando un barco comercial en anos santos para uso exclusivo do transporte de fieis.

A peregrinación marítima mellor documentada é a dos británicos (s. XIV-XV), e soen apuntar como escala principal A Coruña. Hai unha ducia de casos que nos deixan coa dúbida do uso doutros portos cercanos á cidade herculina, na nosa zona, por diversas causas, máis non encontrei referencias concretas a vilas da Costa da Morte; incluso no caso de Muxía, fito xacobeo indiscutible, hai poucas citas. E seguimos co mesmo problema: falta de relatos de peregrinos que pasaran por Portomouro ou Brandomil, e falta de referencias de peregrinos que desembarcaran dos acreditados barcos de comercio que usaban a ría de Camariñas de escala. Cando hai citas de romeiros están vencellados cos santuarios tradicionais da costa, e coas romarías da zona, o mesmo pasa con certos albergues e hospitais.

A ruta histórica de enlace por terra da ría de Camariñas con Santiago saía da ponte medieval de Ponte do Porto (século XIII) polo camiño da Calzada das Barrosas (onde seguen en pé os restos da calzada, para os tercos de entendedeiras, igual que segue a ponte) ata A Valiña, Vimianzo, Tines, Zas, Follente, Cícere, Santa Comba, Paramos, Portomouro. Foi o camiño usado polo rei Alfonxo IX de León e Galicia no 1228, non incido neste caso por falta de espacio. Tamén podemos atravesar o val de Cambeda cara Baiñas e Brandomil, seguindo aos arrieiros. O uso dos camiños está condicionado polas datas nas que algunha das pontes históricas está en uso ou non, algo que tamén está documentado; e ver se o paso dos auores de relatos de viaxes coincide cun paso impracticable (ponte derrubada, en obras).

Nesta obra falan dunha vía natural do norte, de raigame prehistórica, coa presenza de albergues, dos que xa teño falado (Carboeiro, Castriz), de hospitais nas vilas mariñas; como tamén hai mosteiros-albergues na ruta final muxiá (Baiñas, Ozón, Moraime) e no primeiro tramo de Santiago a Portomouro (vencellado ao camiño de san Francisco). Do pórtico sur da translatio de Cereixo, da torre do Xallas (e a de Ferreira), da enigmática (e xalleira) Per Loca Marítima, de documentos que falan do «camiño francés», de restos de Historia, arte e lenda que dan base a esperanza de encontrar o que nos falta. E o que nos faltan son peregrinos de antes e de agora.

Outros artigos de Rafael Lema – Peregrinaciones por mar a Compostela

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,160SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos