O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña trasladou, a través da súa viceportavoz, Evaristo Ben, a demanda que os populares de Muxía fixeron para que a institución provincial poña en marcha “dunha vez por todas” as obras necesarias para a mellora da estrada de Leis ao seu paso polo municipio da Costa da Morte.
Os populares aproveitaron o pleno celebrado o pasado venres para lembrar que foi o propio presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, o que hai un ano anunciou –con visita incluída á zona- o inicio inmediato do proxecto. “O que traemos aquí hoxe, en realidade, é un rogo á súa propia política. Hai un ano comprometeuse a levar a cabo unha actuación da que non temos noticias, nin trazas de que se vaia a iniciar en breve”, dixo Ben.
Nesta liña, o viceportavoz popular insistiu en que a Deputación da Coruña conta con recursos suficientes para poder cumprir cunha obra moi demandada polos veciños de Muxía. “Temos o diñeiro, temos o compromiso do presidente e tenenos o anuncio, que é o que falta entón”, preguntouse Ben, quen contestou dicindo que “o que falta é que o señor González Formoso abandone dunha vez a súa política de anuncios e pase xa á de feito concretos que, por desgraza, son poucos ao longo de toda a provincia”.
Nota de prensa do PP