O presidente da asociación de empresarios de Santa Comba, Alberto Romar, destacou o “incremento de socios” que está rexistrando a asociación pasando de 140 a 208 cun aumento “dun 35% na economía da asociación”. No ocultou a súa sorpresa pola iniciativa de distintos comercios:”Cesamos un pouco na búsqueda de socios e a sorpresa é que a xente segue chamando para darse de alta”.
Entrevista a Alberto Romar – Desde o minuto 9
Centro comercial on-line antes de que remate o ano
Nunha entrevista en Radio Xallas, tamén anunciou que “antes de que remate o ano” estará operativo o centro comercial on-line cunha axuda económica do GDR Terras de Compostela que sufraga o 82% dun proxecto que ascende a uns 14.000 euros.
“Queremos que a xente perda o medo a vender por internet e que teña un punto de encontro e que poida comprar directamente desde este centro, que tamén servirá de escaparate” explicou Romar.
O centro comercial on-line xalleiro terá un buscador con comparativas de prezos e será un servizo gratuito e dirixido a socios.
“Santa Comba en cores” terá continuidade
Tamén fixo un balance moi positivo da iniciativa “Santa Comba en cores”, que consistiu no pintado de cinco muros da capital municipal:”Queremos seguir con temáticas máis abstractas e ter participación nas parroquias. Non pintar só muros, tamén fachadas” anunciou.
Explicou que a idea xurdiu de varias peticións que fixeron en relación co casco urbano:”Penso que o núcleo de Santa Comba está bastante abandonado”.
Numeración de rúas, Polígono e estrada de Santiago
Outro asunto ao que se referiu foi “o problema que temos coa numeración e coa nomenclatura das rúas” que segundo Romar “está causando problemáticas coas certificacións, paquetería e incluso coas ambulancias. E a mala imaxe que se dá de Santa Comba”.
Sobre reivindicacións dixo que seguían atentos a estrada de Santiago e a ampliación do Polígono Industrial:“Non vemos movementos na estrada de Santiago nin no Polígono industrial”.
Feira de Outono 2021
Desde a asociación de empresarios lembran que o 5,6 e 7 de novembro terá lugar a Feira de Outono con setenta expositores de distintos sectores, actuacións musicais, maxia, recuncho infantil, etc..