Info- Axega 112 // Foto-Bombeiros Costa da Morte
Un incendio orixinado nunha caldeira dunha residencia en Cee fixo que o edificio fose desaloxado polo propio persoal do centro, sen que se rexistrasen danos persoais.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros da localidade, o incendio na caldeira, que estaba situada nun baixo do centro, provocou que o fume se propagase a través dos condutos de aire ao edificio. Con todo, o lume foi extinguido polos traballadores da residencia cun extintor.
O incendio tivo lugar na rúa do Campo do Sacramento, uns minutos despois das cinco. Foi, a esa hora, cando o 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos a través dos Bombeiros de Cee.
Acto seguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron o aviso á Policía Local, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Garda Civil e aos voluntarios de Protección Civil de Cee.