-O Pleno ordinario do mes de setembro de Mazaricos celebrado o pasado venres aprobou un expediente de modificación de crédito que permitirá afrontar unha serie de obras e adquisición de material de mantemento fundamentais para o municipio. Faino con cargo ao remanente municipal, que supera actualmente 1,8 millóns de euros.
Os gastos que se contemplan grazas a esta modificación comprenden a roza e limpeza da contorna da Igrexa Parroquial de Santa Baia como primeiro paso do plan de posta en valor deste emblemático templo, e a execución de dous depósitos de abastecemento de auga, en Foxas e Lago. Tamén se inclúe a adquisición dunha segadora de tipo tractor cortacéspede e unha varredora manual.
O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, sinalou que mediante estas obras o Concello continuará a traballar en dúas liñas estratéxicas como son “a mellora do abastecemento de auga dos núcleos poboacionais do municipio” e “a conservación do noso patrimonio para potencialo entre veciños e visitantes”. No mesmo pleno foi aprobada tamén a Conta Xeral de 2020.
Nota do Concello de Mazaricos