Os recortes tamén chegan ao CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña en Traba-Castriz. O cese do posto de secretario por parte da Consellería de Educación está provocando un importante malestar na comunidade educativa deste colexio.
Desde a dirección do centro solicitaron á Consellería que se mantivera o posto de secretario. Recibiron a comunicación do cese o pasado 10 de setembro. Agora piden a “reposición inmediata”.
Sen a figura do secretario as tarefas no centro complícanse, xa que coa actual estrutura faise imposible atender a todas as cuestións que se presentan.Tamén causou certa incomodidade o feito de que a decisión da Xunta se coñecera despois da toma de posesión da nova directora e cando o responsable da secretaría xa tiña os horarios programados e xa levaba dez días coa súa función.
O CEIP Pepe de Xan Baña ten cinco unidades e 68 alumnos, e tanto as funcións administrativas como a cobertura de posibles baixas complícanse moito.