Finalmente mantense o cartel de “festexos simbólicos” da romaría da Virxe da Barca logo da polémica vivida,
A Comisión de Festas da Barca anunciou esta tarde que os eventos previstos nun principio “serán unha realidade, e tras a avalancha de doazóns -as cales están sendo recollidas nas instalacións de Protección Civil de Muxía- e xestos altruístas que se veñen realizando ao longo de toda a xornada”.
Nun comunicado, desde a comisión volven a incidir “nas adversidades ás que se viron sometidas as persoas que integran a organización deste festexo, pola negativa dos grupos políticos do Partido Popular e os concelleiros non adscritos Mónica Vilela e Manuel Caramés para posibilitar o financiamento da Barca, a veciñanza e resto de axentes implicados deron un golpe de efecto”.
“Cando aínda non asumiramos que a Barca non se celebrara, os xestos tanto individuais como colectivos colmáronos de emoción”, relatan desde a Comisión de Festas, que subliñan o “esforzo maiúsculo nun contexto complicado para todo o mundo”.
Informan que “a efectos de seguridade, contarase con estritos protocolos hixiénico-sanitarios, e arredor de 50 voluntarios e voluntarias de Protección Civil de toda a provincia desprazaranse cara o municipio muxián para contribuír a que sexa a Barca “máis segura que se recorda”.
Desde a organización comentan que “proximamente” se publicará unha listaxe das actuacións musicais, que serán “organizadas estratexicamente por puntos” e “sendo postas en coñecemento das veciñas e veciños para evitar aglomeracións” nun itinerario seguro. A procesión do domingo será logo da misa das 13:00 horas, e verá modificado o seu percorrido, chegando soamente ao Porto de Muxía. Será obrigatorio o emprego da mascarilla e ínstase á veciñanza a “respectar en todo momento as medidas impostas polas autoridades sanitarias”.
Este mércores a portavoz do Partido Popular, Sandra Vilela falaba en Radio Xallas e afirmaba sentirse decepcionada coa comisión.