Este venres terá lugar o pleno da moción de censura no concello de Malpica que con toda probabilidade devolverá o bastón de mano a Eduardo Parga Veiga, do PP.Para o secretario de Organización do PSOE provincial con esta moción “O Partido Popular regresa ao pasado e ás peores prácticas que hai na política, Walter Pardo é unha persoa íntegra que traballou polo interese xeral”.
José Manuel Lage Tuñas afirmou que “a do venres é a moción da vergonza cunha escusa ridícula, en dous anos non fixeron nin unha soa proposta en positivo”.
Nunha comparecencia en Malpica, expresou o “ noso respaldo firme e pechado a Walter Pardo e a todo o seu equipo de goberno”. E declarou:”Estamos ante unha maniobra do Partido Popular, un regreso ao pasado e ás peores prácticas que hai na política; o PP non respecta a decisión do pobo de Malpica e utiliza a Alfredo Cañizo como unha marioneta para defender non se sabe que intereses”.
Pola súa banda, Walter Pardo, criticou “a moción da vergonza que viviremos este venres utilizando a un concelleiro non adscrito, cunha escusa ridícula como é a suposta inacción do goberno, algo que deberán valor os veciños, non eles nun despacho”.
O alcalde lembrou “os 850.000 euros en proxectos que van comezar o polos que tanto traballamos, así como o 1.700.000 euros en remanente que temos dispoñible para mellorar a vida nas parroquias; o PP coñece esta situación e quere agora apropiarse da xestión”.
Por último, interviu tamen José Antonio Viña, coordinador comarcal: “Unha pésima noticia para o pobo de Malpica, porque volve o grupo de goberno que tivo Malpica paralizada durante oito anos, nos próximos meses regresarán a inacción e os líos internos, ocupar o poder para non facer nada”.