Muxía presenta o programa da Romaría da Virxe da Barca nun ano que, se pretende, sexa de transición cara a unha nova normalidade
A comisión da Virxe da Barca e o goberno local mantiveron diversas reunións para analizar a situación e adecuar a celebración ao contexto actual.
O Salón de Plenos foi esta mañá o escenario onde o alcalde, Iago Toba, e os integrantes e as integrantes da Comisión da Romaría da Virxe da Barca presentaron a programación de este ano, un evento que, se pretende, sirva como “transición” de cara a unha nova normalidade na vindeira edición de 2022. Celebrarase do 10 ao 13 de setembro de 2021.
Semanas atrás, os encontros entre a organización e o goberno local foron diversos, sempre para conxuntar forzas e analizar a situación para poder adecuar a celebración ao contexto sanitario vixente.
Así, decantáronse por actos simbólicos como as actuacións dos grupos locais Xaramiños do Corpiño e Abadeleiras, ou tamén as míticas actuacións dos Kilombeiros de Monte Alto e a Charanga NBA, sempre moi vinculadas con esta festividade.
Todos os actos serán diurnos, sendo a excepción a sesión de fogos de artificio do sábado. Farase entre outros motivos, para evitar a formación de festas paralelas e, no caso de ocorrer, o goberno local reforzará con dotacións de Policía Local e Garda Civil para velar polo cumplimento das medidas sanitarias con garantías. No relativo aos actos relixiosos, haberá misas como de costume tanto na novena como os catro días principais.
Tanto a Comisión da Barca como o goberno local “agardan un comportamento exemplar, unha edición máis, tanto de veciñas e veciños como de visitantes, e rogan que se cumplan todas as medidas preventivas pola COVID-19 para que o desenvolvemento desta Romaría sexa óptimo”, aclaran.
Nota de prensa do concello de Muxía