15.4 C
Santa Comba
sábado, noviembre 2, 2024

A Laracha Activa: un atractivo programa de rutas para realizar en bicicleta ou a pé

O alcalde, José Manuel López Varela, presentou este mediodía o programa A Laracha Activa, promovido polo Concello e que inclúe sete rutas para realizar a pé ou en bicicleta de montaña que poderá realizarse de forma autoguiada a través da aplicación para smartphones Wikiloc.

O rexedor municipal explicou que o proxecto foi posible grazas á coordinación entre diferentes departamentos do Concello, xa que A Laracha Activa relaciona o turismo co deporte e a cultura. De feito, López Varela puxo de manifesto que os propósitos son “dinamizar o sector turístico modernizando a oferta municipal empregando as novas tecnoloxías, poñer en valor e aproveitar o potencial dos fermosos espazos naturais que temos no Concello e impulsar os estilos de vida saudables a través da práctica da actividade física”.

Os sete itinerarios propostos son os seguintes:

Ruta de Caión: Porta da Costa da Morte. 12,3 km e dificultade media. Con inicio na Praza do Concello e fin na praza Eduardo Vila Fano de Caión, percórrense antigos camiños de peregrinación ata o santuario dos Milagres.

Circular BTT A Laracha-Soandres-A Laracha. Trátase da ruta deseñada polo Club Ciclista Laracha en Dúas Rodas e sinalizada de xeito permanente polo Concello. É circular, parte da Praza do Concello e ao longo de 40,3 km percorre os arredores do río Anllóns, o miradoiro de San Marta, o mosteiro de Soandres e o Museo dos Muíños de Golmar. É de dificultade alta, cun desnivel de 983 metros.

Ruta 360º Á Laracha. Con 17,9 km e dificultade media, esta ruta circular con principio e fin na Praza do Concello discorre polas parroquias de Torás, Vilaño, Golmar, Soutullo, Coiro e Soandres, e ten o seu punto máis alto a metade de percorrido no miradoiro de Santa Marta, desde o que se obtén unha espectacular vista panorámica.

O vibrar do río Anllóns. 12,7 km e dificultade media. Inicio e fin na praza Olonne Sur Mer da Laracha. Permite coñecer recursos de valor etnográfico e arqueolóxico, xa que toparemos cos muíños do Formigueiro e As Fervenzas e chegaremos ata o Castro de Montes Claros.
  
Ruta da muiñeira a ritmo do río Acheiro.
4,3 km e dificultade baixa. Inicio e fin no Museo dos Muíños de Golmar, discorre xunto ao Acheiro e ao longo do percorrido poderanse contemplar freixas e varios restos de muíños.

As pegadas do Bradoso. Ruta circular de 7,1 km e dificultade media con inicio e fin na escola unitaria de Cumiáns. Percorre un sector do río onde se concentran nove muíños de auga, destacando tamén a variedade de especies de flora de bosque de ribeira.

O sentir de Soandres. 15,9 km e dificultade baixa, con inicio e fin no mosteiro de San Pedro de Soandres. Pasarase pola ladeira do coto de Pedrouzo, onde nace o río Anllóns, e ao longo do percorrido coñecerase a riqueza arqueolóxica da zona, onde se sitúan elementos como o dolmen Forno Dos Mouros, a pedra da Cabirta, as mámoas de Silvoso e do coto de Altamira e diferentes penedos graníticos de gran tamaño.

O alcalde lembrou que todas estas rutas xa se realizaron nos últimos anos a través de programas municipais con gran éxito de participación e que agora facilítase a posibilidade de que calquera persoa, turistas e tamén laracheses, poida facelas de xeito independente en calquera momento do ano. Neste punto agradeceu tanto ao club ciclista Laracha en Dúas Rodas como de xeito individual a Abel Matos e Anxo García a colaboración que prestaron no deseño dos itinerarios.

Pola súa parte, Guti Martín, da empresa Sherpa Project que planificou e deseñou A Laracha Activa, referiuse a esta iniciativa como un “programa aberto” que, agarda, incorpore máis rutas durante os próximos anos por outros puntos do Concello. De feito, explicou que o logotipo ten trece frechas precisamente para simbolizar as trece parroquias do termo municipal.

As sete rutas presentadas hoxe xa están dispoñibles en Wikiloc e tamén terán un apartado específico na web municipal de turismo. Ademais, o Concello editou folletos informativos que están a disposición da cidadanía na Casa Consistorial e na oficina de turismo de Caión. 

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,320SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos