//Cristóbal Mourín//- Foto Leticia Naya Varela- Concelleira do BNG en Malpica
A polémica está servida neste mes de agosto no concello de Malpica. En poucas horas o alcalde socialista Walter Pardo quedaba en minoría coa renuncia do concelleiro Alfredo Cañizo, e enfróntase a unha controversia co seu socio de goberno, o BNG, que critica a súa postura con respecto ao mural onde a imaxe de Castelao desaparecía co asentimento do mandatario.
Os nacionalistas deixaron moi claro e lamentan que “o alcalde tome decisións en solitario” e consideran “inadmisible que un cargo público acepte un clarísimo ataque a figura dun símbolo de Galiza e de tódalas galegas e galegos como é Castelao”.
Engaden que o que aconteceu “non é só un agravio a un político, escritor e pintor” se non que trátase dun “acto de censura que non podemos admitir”.
Desde o BNG piden unha reunión urxente do goberno para pedir explicacións pola decisión “adoptada unilateralmente” e a que se “restitúa o deseño orixinal do mural”. Pensan que o alcalde “non debe nin pode ceder ás presións particulares e menos amparalas”.