9.8 C
Santa Comba
domingo, noviembre 3, 2024

Vimianzo mellora camiños rurais en Baíñas, Serramo, Berdoias e Calo

O Concello de Vimianzo segue a mellorar as infraestruturas do rural co acondicionamento e pavimentación máis de catro quilómetros de camiños nas parroquias de Baíñas, Serramo, Berdoias e Calo. As tarefas, que se atopan actualmente en fase de licitación, contan cun orzamento total de 68.584 euros financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dentro do seu plan de mellora de camiños municipais

As actuacións levaranse a cabo nun camiño en A Gándara de Baíñas; na vía que vai de Comareiro a Novelle, en Serramo; e na Casota de Freáns, en Berdoias. Tamén se actuará na estrada que dá acceso á Gándara de Lamas, en Calo.Os traballos permitirán renovar o pavimento das vías, que na actualidade presenta deficiencias a causa das persistentes chuvias e do paso de vehículos agrícolas de gran peso e tamaño. Os proxectos permitirán solucionar as fochancas e pedras soltas destes camiños, co obxectivo de ofrecer unhas rutas seguras ao tráfico rodado e peonil.

Tamén se realizarán melloras na canalización e drenaxe de pluviais, xa que as cunetas destes rutas atópanse cheas de vexetación ou terra, non cumprindo así coa súa función de evacuación da auga, supoñendo que esta discorra pola plataforma dos camiños. Para solucionalo limparanse e dotarase ás cunetas de canalizacións enterradas ou en superficie para conducir a auga de escorrentía.

O concelleiro de Medio Rural, Víctor Manuel Muíño Ramos, salienta a importancia de acometer estas melloras para «garantir que as persoas que viven e traballan no rural conten con vías de comunicación axeitadas, polas que se poidan desprazar con seguridade». O edil tamén destacou que «os camiños nos que se vai actuar dan acceso a diferentes explotacións e, polo tanto, por eles móvese maquinaria pesada que precisa facelo en condicións axeitadas», sinalou.As tarefas contan cun prazo de execución de seis meses e as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro día 18 de agosto.

Camiño na Gándara de Baíñas

Dentro das vías nas que se vai actuar atópase un camiño na Gándara de Baíñas cunha extensión de 605 metros de longo e un ancho de 4. As tarefas permitirán pavimentar a vía con zahorra artificial e limpar as cunetas para renovar a canalización de augas pluviais para evitar que estas discorran pola vía e sigan deteriorándoa.

Deixaranse ademais uns 30 metros de distancia entre o tramo de actuación e a área de protección integral da mámoa de Pedra do Altar, co obxectivo de que as obras non danen en ningún momento este patrimonio.

Vía de Comareiro a Novelle en Serramo

Serramo verá mellorado o camiño que conecta Comareiro e Novelle e que discorre ao longo de 2.275 metros, contando cunha anchura de 4 e medio. Co obxectivo de mellorar esta infraestrutura para que vehículos de todo tipo poidan circular por ela con seguridade levarase a cabo a renovación do pavimento con zahorra artificial. Tamén se realizarán tarefas de limpeza nas cunetas e mellora da canalización de pluviais.

Pista da Casota de Freáns en Berdoias

No caso da pista da Casota de Freáns, actuarase nun tramo de uns 480 metros de longo e uns 3 e medio de ancho medio do mesmo. Tamén se renovará o pavimento cunha capa de zahorra artificial. Así mesmo, ao igual que nas outras actuacións, acondicionaranse cunetas e instalarase nova canalización co obxectivo de que as augas de escorrentía non invadan a vía e circulen correctamente.

Estrada de acceso á Gándara de Lamas en Calo

Tamén se renovará a estrada que da acceso á Gándara de Lamas, na parroquia de Calo. Neste caso actuarase nun tramo de 780 metros de lonxitude e máis de 4 de anchura media. Os traballos permitirán renovar o pavimento con triple rego asfáltico no 80% do trazado da plataforma, deixando sen intervención a superficie máis próxima á ponte sobre o Río de Cambeda. «As continuas crecidas do río deixaron estes 150 metros de ponte especialmente danados polo que require unha intervención en maior profundidade. Xa estamos a traballar no proxecto que permitirá dar resposta a esta situación», informou o edil de Medio Rural. Tamén se limparán as cunetas e se mellorará a canalización de pluviais da zona. 

Fonte- Concello de Vimianzo

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,320SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos