O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Malpica en compañia do alcalde, Walter Pardo, e do vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena. Dende alí, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos lamentou a «saturación» que está vivindo a sanidade pública e, particularmente, a Atención Primaria cando «non hai persoal suficiente» e «non se cobren vacacións nin baixas».
No caso de Malpica, censurou, «o centro de saúde quedou sen pediatra como cada verán», o cal supón un «enorme prexuízo» para as familias do municipio. «O servizo dos centros de saúde non está ao cen por cen en todo o ano, xa que se reduciu o número de médicos residentes a tempo completo», censurou.
«O que ocorre coa sanidade pública non é de recibo para a Galicia do século XXI», subliñou, «e máis cando hai fondos anticovid que o goberno de España remite a Galicia para mellorar os servizos públicos».
Al fío disto, o secretario xeral lembrou que o goberno galego disporá, nos vindeiros meses, de 828 millóns de euros procedentes do Fondo Covid que achegará o goberno de España, o que converte a Galicia na «quinta comunidade autónoma que máis diñeiro recibe».
«Non é por falla de cartos», polo que a Xunta «debe aproveitar estes fondos extraordinarios para fortalecer os servizos públicos, empezando pola sanidade, a educación ou os servizos sociais».
INFRAESTRUTURAS «DESFEITAS»
Noutra orde de cousas, o lider do PSdeG pediu ao goberno galego que arranxe o porto pesqueiro de Malpica, xa que «está desfeito» e isto ocorre «nunha vila que vive plenamenre do mar». «A vida de Malpica está no porto e a veciñanza precisa un mantemento digno», sentenciou.
Ademais, Gonzalo Caballero instou a Xunta a que mellore a cimentación da entrada da estrada AC-418, «unha obra que se rematou hai menos dun ano e cuxo resultado evidencia problemas».
HOMOLOGACIÓN DO CAMIÑO DOS FAROS
Doutra banda, o secretario xeral reiterou o compromiso do PSdeG coa homologación do Camiño dos Faros. «A Xunta ten que aliarse coa Costa da Morte e Bergantiños e esta ruta turística é fundamental para o seu desenvolvemento turístico, económico e cultural».
Deste xeito, Gonzalo Caballero respaldou as demandas do alcalde, a quen lle recoñeceu e agradeceu o seu compromiso e o «bo traballo» ao servizo da veciñanza en tempos de pandemia.
CAMARIÑAS
Despois da visita a Malpica e continuando a ruta pola Costa da Morte, o líder do PSdeG acudiu a Camariñas, onde estivo acompañado da súa alcaldesa, Sandra Ínsua, avaliando as necesidades da vila.
Dende alí, Gonzalo Caballero chamou á Xunta a «facer investimentos, mellorar os servizos públicos e tamén a dispor dun transporte público de calidade». «Estamos comprometidos coa Costa da Morte e con Camariñas», concluíu.