O concello da Laracha xa puxo en marcho un amplo programa de actividades de verán.Un total de vinte e unha propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas especialmente dirixidas ao público infantil e xuvenil. O prazo de inscrición abriuse o 22 de xuño. As actividades prolongaranse ata setembro.
Así, neste verán os campamentos realizaranse en horario de mañá no pavillón municipal da Laracha e en dúas quedas dividindo aos participantes por grupos de idade. A primeira será do 12 ao 16 de xullo e a segunda, a semana seguinte, do 19 ao 23 de xullo.
Regresan á programación os dous campus que tradicionalmente se realizaban no verán e que non puideron levarse a cabo o ano pasado. O de fútbol realízase nos campos Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco do 5 ao 9 de xullo. O de baloncesto será do 26 ao 30 de xullo no pavillón Municipal da Laracha.
Outras actividades para o público infantil serán o circuíto de karts a pedais que se habilitará no campo da feira de Paiosaco o 10 de agosto e o cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión o 24 de agosto. Ademais, haberá saídas para gozar de xornadas lúdicas de humor amarelo (A Coruña, 14 de xullo), multiaventura (Naturmaz en Mazaricos, 27 de xullo), inchable acuático (praia de Gandarío, 3 de agosto), paintball (Cacheiras de Teo, 18 de agosto) e visita ao museo etnolúdico de Ponteceso (20 de agosto).
Para o público xuvenil e adulto, as actividades propostas son unha xornada multiaventura en Naturmaz de Mazaricos (15 de xullo), barranquismo no pontevedrés río Almofrei (5 de agosto), kaiak e paddle surf en Gandarío (12 de agosto), humor amarelo na Coruña (17 de agosto) e iniciación ao surf na praia de Caión (26 de agosto).
O venres 10 de setembro na Laracha realizarase unha xornada de Cultura Urbana con obradoiros de beatbox, breakdance e freestyle football, que concluirá co espectáculo Ópera Break´s.O programa tamén inclúe cine ao aire libre na Praza Eduardo Vila Fano de Caión con Maimiño e o espello máxico o 16 de xullo e Maléfica, maestra del mal o 5 de agosto.
Ademais haberá espectáculos de rúa coincidindo con tres das principais festas do verán. O 19 de xullo (Festas do Carme) Caión acollerá Acuario, de Teatro Ghazafelhos. O 15 de agosto (Festas da Laracha), está programado o show de acrobacia aérea e ópera cantada Ikigai, a cargo de SU.MA. Por último, o día dos Milagres (8 de setembro) actuará en Caión Muu co espectáculo circense Crunch!
Na organización deste programa colabora co Concello da Laracha a Deputación Provincial da Coruña. A realización de todas actividades e eventos estará en todo caso suxeita ás medidas sanitarias e sociais que poidan establecer ao respecto as autoridades competentes.