O Concello de Vimianzo encara o Vimiverán máis concorrido das últimas edicións con 300 inscricións formalizadas e no que refrenda o éxito da iniciativa máis novidosa, a Vimiaventura nas parroquias, na que participarán máis de 50 rapaces e rapazas en cada unha das quendas, dándose cobertura en Baíñas, Salto, Carantoña e Treos.
Haberá tamén, por primeira vez, actividades temáticas nas que, por un lado, se lle dará a coñecer á rapazada o Concello, tanto os edificios municipais como os pormenores do funcionamento da Administración local. Por outra parte, son formativas, xa que haberá Vimiteatro, Vimichef e Vimiverde, nas que a cultura, a gastronomía e a conciencia medio ambiental serán as temáticas principais.
O obxectivo prioritario do Vimiverán 2021, como vén sendo de costume, é facilitarlle a conciliación ás familias do concello, e para iso preséntanse distintas quendas. Tamén se levarán a cabo actividades formativas e lúdico-educativas.
En canto á actividade de Vimiteatro, o obxectivo primeiro é a importancia que ten a práctica do xogo dramático nas diversas etapas de crecemento da rapazada, xa que son numerosos os beneficios que reporta tanto nos procesos de crecemento persoal como nos de integración grupal e de sociabilidade. Celebrarase unha noite meiga e unha representación teatral no Castelo, para que as pequenas e pequenos gocen dunhas xornadas inolvidables.
No que respecta á Vimiaventura ten como obxectivo que as nenas e nenos que participen desenvolvan hablidades sociais, creativas e deportivas nun entorno de respecto, igualdade e cooperación na que se organizarán manualidades, xogos, obradoiros e, como non, fomentar o espírito aventureiro das máis pequenas e pequenos.
Outra das novidades deste ano, a activiade de Vimichef que acollerá a Escola de Reboredo, ten como prioridade que as nenas e nenos partícipes desenvolvan habilidades de cociña, aprendan os beneficios da comida saudable e estean máis próximos á cociña tradicional galega, particularmente a vimiancesa. Terá lugar na Escola de Reboredo, que conta con dous equipamentos completos de cociña, redeseñadas recentemente.
Desde as concelleiras de Benestar Social e Cultura, as edilas María José Pose e Rosa Blanco sinalan que “o éxito desta edición non só polas novidosas propostas establecidas polo Concello, senón tamén pola vontade das familias de que a rapazada participe no Vimiverán e aprenda divertíndose, unha prioridade para nós”, aseguran.
Nota de prensa do concello de Vimianzo