O responsable local do BNG pensa que o desenlace deste novo episodio da historia política de Santa Comba era previsible:”O día despois das eleccións xa empezaron as tiranteces e os problemas.A situación tornouse ingobernable e desembocou nunha crise e nunha moción de censura”.
Entrevista con Alexandre Antelo- Desde o minuto 94
Alexandre Antelo comparou a David Barbeira “con outras chaves que houbo como Terra Galega ou Independentes por Santa Comba que deron en situacións similares”.
Neste caso “deuse unha volta de torca máis. Un exalcalde socialista asina unha moción de censura para botar ao seu socio de goberno e propor para a alcaldía ao seu máximo rival política, a candidata do Partido Popular”.
Considera que nestes casos ponse de manifesto a necesidade dunha “organización seria e democrática” coma o BNG que procura “que non se dean situación esperpénticas como as que está dando o PSOE”. Convidou aos veciños de Santa Comba a “formar parte deste proxecto se desexan unha cousa distinta para este concello”.
Antelo incidiu que “o noso obxectivo é que non goberne a dereita” polo que “imos ter unha alcaldía do PP e isto nunca será beneficioso para o concello de Santa Comba”.
Desencanto en Santa Comba
O portavoz nacionalista comenta que “están pelexando pola poltrona cando hai 13 persoas que deberían de estar adicadas a gobernar este concello”. Considera que Santa Comba está quedando atrás.
E detecta desencanto na sociedade:“Hai socialistas de toda a vida que sentiron esta acción de Ucha como unha puñalada, e xente que apoiou a Barbeira que ven a súa actitude coma un desleixo.Mentras o PP está esperando a que caian as mazás de maduras”.
Causa xudicial en Negreira
Alexandre Antelo tamén se referiu as información ofrecidas polo xornal Nós Diario en relación coa causa xudicil aberta coa problemática da auga en San Xoán de Grixoa.
Criticou que o PP “segue actuando de xeito decimonónico con prebendas e favores” e opina que non procede que María Pose volva a ser alcaldesa. E lanzou unha suxerencia ao portavoz do PSOE, José Antonio Ucha:”Non se pode estar poñendo de candidata á alcaldía a unha persoa que está sendo investigada por prevaricación. Santa Comba non merece unha alcaldesa imputada”.