PSOE e a asociación Camiño dos Faros coinciden en que a Xunta pretende “diluir” a ruta // Cristóbal Mourín-
Esta semana o deputado socialista Martín Seco emprazou á Xunta a crear a mesa de traballo para xestionar a homologación do Camiño dos Faros. Pediu que “deixen de marear a perdiz e de mentirlle á cidadanía da Costa da Morte e explíquenlles por que teñen paralizado un informe de impacto ambiental dende fai máis de 2 anos”.
E alertou de que Xunta “quere roubar unha iniciativa de éxito mundial elaborada polos trasnos para diluílo nunha ruta dos faros por toda Galicia”. Todo isto co suposto obxectivo de “utilizar grandes consultoras para un mero uso economicista dos amigos do goberno galego, deixando na cuneta o importante” .
Seco ten claro que “sen regulación non existe sinalización, nin protocolo de limpeza, nin seguridade dos sendeiristas, nin protección do noso medio natural e a nosa diversidade”.
A resposta de Alfonso Rueda
Estas queixas foron formuladas a través dunha pregunta parlamentaria dirixida ao Vicepresidente da Xunta e máximo responsable de Turismo do goberno, Alfonso Rueda.
“O Camiño dos Faros ten moitísimo valor e debe promocionarse sen ningunha dúbida porque paga moito a pena” dixo Alfonso Rueda que considera que a homologación é “fundamental”· Asegurou que se estaba traballando nese sentido cos concellos e coa Federación Galega de Montañismo.
A valoración da asociación O Camiño dos Faros
Sobre este tema tamén opinaron desde a asociación O Camiño dos Faros:”Está clarísimo. A Xunta creará a súa Senda dos Faros de Galicia por toda a costa galega e gastaranse millóns de euros chegados dos fondos Next Generation repartidos entre as súas consultorías amigas.Dentro de 5 anos os fondos europeos acabaranse e o proxecto quedará en nada (como o 95% dos proxectos turísticos que saíron, saen e sairán da administración). No 2025 nada quedará da Senda dos Faros de Galicia nin dos fondos pagados por ti e por min. Pero xa ninguén estará para render contas. Existirán outros novos conceptos subvencionables para que a roda do amiguismo, a prevaricación e a corrupción siga virando”