O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, informou que o grupo socialista presentou un recurso contencioso-administrativo contra varios acordos adoptados pola corporación xa que“aprobáronse cousas con informes contrarios de secretaría e intervención e entendemos que vai en contra da lei”. E decidiron ir á Xustiza.
Carballido indicou que aceptarán o que digan esas instancias e que este mércores ás 10 da mañá convocou un pleno para “nomear defensa xurídica, xa que ten que ser o pleno o que se pronuncie”.
Raquel Fondo:”É unha situación rocambolesca”
Desde a oposición, a concelleira Raquel Fondo pensa que estamos diante dunha “situación rocambolesca”. A concelleira explícase:”O alcalde denuncia ao concello. O concello que el mesmo preside. A causa son os acordos aprobados en pleno polos concelleiros”.
Para Fondo “esta é a capacidade de diálogo, transparencia e saber estar que ten Lois Carballido e debe ser tamén o que entende por acercar posturas e mirar polo interese dos veciños. Fai que o concello teña que nomear avogados creando un coste totalmente innecesario. Cousas sen sentido”.Hoxe falaba en Radio Xallas, outro concelleiro non adscrito, Faustino Santiago.
APIN:”O alcalde de Ponteceso denuncia ao concello de Ponteceso”
O portavoz de APIN, José Manuel Pose Verdes escribe nas súas redes sociais:”O alcalde de Ponteceso denuncia ao concello de Ponteceso. Si, están lendo ben, Agora o pleno do concello ten que nomear avogado para defenderse do alcalde. O alcalde di que son ilegais as mocións presentadas pola oposición e aprobadas en pleno. Ver para creer”.