12.5 C
Santa Comba
domingo, septiembre 29, 2024

A Laracha celebrou un pleno ordinario este venres 28 de maio

No Pleno ordinario celebrado hoxe a maior parte dos asuntos foron aprobados por unanimidade dos tres grupos municipais.

A sesión comezou gardando dous minutos de silencio (un en memoria das vítimas da violencia de xénero e o outro, en recordo dos falecidos pola covid-19) e coa lectura dunha declaración institucional en apoio ao mantemento na Coruña do Centro de Operacións de Redes de Naturgy.

Xa inmersos nos puntos da orde do día, houbo pleno acordo para solicitar unha subvención nominativa á Deputación Provincial da Coruña para o proxecto de humanización e mellora da rúa José Manuel Ferreira Penedo, que dará continuidade a outras intervencións de similares características realizadas nos últimos anos en varias vías desa zona do casco urbano da Laracha. A actuación suporá un investimento de 100.000 euros a cofinanciar con fondos provinciais e municipais.

Tamén houbo acordo unánime na proposta de cambio de nome de dúas rúas de Paiosaco. Así, a rúa Feal pasará a denominarse Fernando Álvarez de Sotomayor e a rúa Rabadeira, Isidro Parga Pondal. O motivo é evitar posibles confusións nos enderezos dado que O Feal e A Rabadeira pasarán a incluírse no padrón de habitantes como núcleos de poboación da parroquia de Lestón no desenvolvemento do proxecto de recuperación de topónimos.

Tamén se aprobou o suplemento de crédito por un importe total de 128.500 euros a financiar co remanente líquido de tesourería e que terá por finalidade afrontar os gastos derivados dos plans de axudas ao sector comercial.

Desa cifra total, 67.500 euros destinaranse ao programa municipal para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19 -convocado no ano pasado e resolto no actual, por tanto con cargo aos orzamentos de 2021- e outros 61.000 euros imputaranse na partida orzamentaria coa que se financiará a adhesión do Concello da Laracha ao convenio de colaboración coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e coa Consellería de Emprego e Igualdade para a concesión das axudas ao sector da hostalaría cuxos negocios quedaron afectados polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias por causa da covid-19.

En virtude do mesmo, o Concello da Laracha comprometeuse a complementar as subvencións do programa de apoio ao sector da hostalaría (orde do 22 de febreiro de 2021, publicada no DOG número 36) que foran convocadas no seu momento pola Xunta de Galicia.

O acordo unánime repetiuse na aprobación da modificación do estudo de detalle da parcela que alberga o centro de día e fogar residencial públicos da Laracha. O obxecto deste trámite é a adecuación de certos parámetros urbanísticos -como a tipoloxía, altura e ocupación máxima en planta sobre rasante- ás determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin último de adaptar o planeamento da parcela e establecer as condicións que se deberán cumprir no momento no que se redacte o proxecto de ampliación. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que se trata de “aproveitar ao máximo o espazo da parcela”.

Salientar, por último, a aprobación de tres mocións. Unha delas tivo por finalidade trasladar ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a necesidade de priorizar o despregamento das redes de banda larga de internet e de telefonía nos núcleos de poboación do Concello da Laracha. Outra foi dirixida a levar a cabo iniciativas dirixidas a previr as ludopatías, especialmente na mocidade. Na última moción aprobada manifestouse o rexeitamento da proposta do Goberno de España de cobrar polo uso das autovías. 

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,310SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos