O concello de Mazaricos aprobou os seus orzamentos para este ano 2021 co voto a favor do BNG e en contra de PP e PSOE. Segundo explicaron desde o goberno local o orzamento ascende a 4,5 millóns de euros e destaca “polo forte incremento en investimento social, xa que os gastos de protección e promoción social medran ata os 684.711 euros (cun incremento de máis de 400.000 euros)”.
Aposta polos servizos sociais
O propio alcalde, Juan Blanco, sinalou que este incrementoen investimento e protección social representa “a forte aposta deste Goberno polos servizos sociais para facer fronte á emerxencia causada pola covid-19 e asegurar a recuperación económica”. Puxo en valor o aumento da partida para emerxencia social “xa que se prevé que as situacións deste tipo irán incrementándose debido á situación social que estamos vivindo”.
Dentro das previsións relacionadas coa pandemia, inclúense a compra de EPIs ou o servizo de transporte para persoas maiores con baixos ingresos, así como servizos de desinfección especial de dependencias municipais.
Apóstase polos servizos de rehabilitación física e cognitiva a domicilio. Os orzamentos tamén prevén as axudas escolares para transporte e material escolar. En canto ás axudas a empresas, estas xestionaranse a través da achega municipal (10.000 euros) ao PEL REACTIVA provincial, polo que non se inclúen no proxecto aprobado onte en pleno.
Investimentos en Mazaricos
No apartado de investimentos inclúese a mellora de camiños rurais con cargo á subvención do AGADER e as obras solicitadas con cargo ao POS 2021. Isto inclúe melloras en camiños rurais nos lugares de Grille, Lago, Maroñas, Señorío e Zanfoga, así como a rehabilitación de firmes e outras actuacións complementarias nos camiños rurais das parroquias de Antes, Beba, Chacín, Coiro, Corzón, Maroñas e Vao, e a mellora da pavimentación na rúa Rei Ferradás e nos camiños de Ventín e da área recreativa na Picota e rúas Casteliño e Santa Olaia en Pino de Val.
Desde o concello de Mazaricos informan que neste orzamento tamén se inclúe a obra de mellora da infraestrutura municipal na captación de Santa Baia e na ETAP de Pino de Val,obra incluída no POS complementario e que depende da aprobación definitiva.
Asemade, contémplanse intervencións en infraestruturas como a mellora da eficiencia enerxética da casa de cultura e a reforma e ampliación do edificio de Protección Civil da Picota, obra esta última para a que se está a tramitar a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación Provincial. Os Orzamentos tamén prevén a adquisición dun dron de loita contra os incendios.Sobre os investimentos en obras, o rexedor lembra que o Concello “conta cun remanente de millón e medio de euros”, polo que o investimento real en obras mellorará as previsións do orzamento.