Rafael Lema-
Un dos máis antigos documentos sobre a fegresía de Santa Comba forma parte do legaxo da tenza de Pedro Louzao, unha serie de papeis do século XIV con doazóns, vendas e arrendos dun propietario asentado en Santiago de Compostela, neto de dous veciños das Caselas, Pedro Díaz e Susana Díaz. Todos estes textos están en galego, xa que antes da posta en marcha da Real Audiencia e da maquinaria centralizadora dos Reis Católios era a lingua habitual nas relacións públicas e privadas.
Polo tanto, malia a dourada capa coa que nos presentan o Renacemento e a Idade Moderna ante a mal chamada «escuridade gótica», podemos dicir que en Galicia para nada foi o gótico un tempo a esquecer senón unha época en boa parte de gloria do comercio mariño e a cultura. Cos seus anos de malas colleitas, andazos, guerras, como os que seguirá habendo nos seguintes séculos.
Unha proba da presencia do galego na escrita administrativa é o primeiro documento dos papeis de Pedro Louzao, datado no vilar das Caselas o 22 do nadal de 1362. Trata da doazón de Xoán Ferreiro, morador deste lugar de «Santa Comba de Celtegos do couto do Jallas» e home de María Ferreira, a Pedro Louzao, escribán de Santiago, dunha casa e unhas pezas de gando. Unha casa ao carón da de Afon Gonzalez, «con seus portaes, pousos, cortiña, parede de madeira e serviços e aguas vertentes, e con todas outras suas pertenenças e dereyturas».
Este documento orixinal máis vello relacionado co actual concello de Santa Comba consérvase no Arquivo da Catedral de Santiago (ACS, tenencia de Pedro Louzao, nº 39). O texto foi transcripto por Javier Rey Souto no 1997.