A asociación de veciños da parroquia xalleira de San Xoán de Grixoa vén de presentar unha nova solicitude na que demanda o arranxo das deficiencias existentes nun vial que foi acondicionado con fondos do POS provincial.
Desde a asociación, dez semanas despois da anterior petición, demandan “que se repare a vía conforme o establecido no proxecto e se fagan as modificacións necesarias para que a auga non invada a vía, causando dano na mesma”. Ademais piden que se respondan ás reclamacións que teñen presentadas e que se faga un informe sobre o estado desta estrada.
“Recordemos que teñen coñecemento do seu deterioro pola mala actuación na execución do proxecto dende o 1 de marzo e despois de 10 SEMANAS, dende o concello ainda non contestaron á reclamación correspondente, nin se iniciou procedemento algún para informar @s veciñ@s afectad@s, nin moito menos, se solventaron os desperfectos” manifestan desde a AAVV de Grixoa.
Lamentan a falta de resposta do goberno local e piden que se “tome conciencia de que o rural non está para vir a recaudar votos e despois relegarnos en función dos intereses do que estea sentado na alcaldía.Ao equipo de goberno recordámoslles, dende unha humilde parroquia do rural, que están vostedes ao servizo d@s veciñ@s todos os días non só cando lles conveña”.