Información- AXEGA 112
Un rapaz, menor de idade, tivo que ser trasladado, na tarde de onte, ao caerlle enriba parte dun balcón dunha casa, no concello de Camariñas.
Os servizos sanitarios foron os que lle deron o aviso ao 112 Galicia, pouco antes das 21:00 horas. A información brindada aos xestores do CIAE-112 foi que un balcón acababa de virse abaixo na rúa Churruca e que un mozo, ao que lle caeran enriba os cascallos, estaba inconsciente no lugar.
Inmediatamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informouse á Garda Civil, aos Bombeiros de Cee e aos membros de Protección Civil de Camariñas.
Finalmente, e pese a que nun primeiro momento o 061 considerou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para o lugar dos feitos, os servizos sanitarios confirmaron que o menor foi trasladado en ambulancia ao Hospital de Cee.
Pola súa banda, os membros de Protección Civil do concello concretáronlle ao 112 Galicia que o balcón formaba parte dunha vivenda abandonada e que todo o lugar quedaba sinalizado.