O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, afirmou que ten “as mans abertas e o brazo tendido a calquera tipo de acordo, para non perder subvencións”,Sobre o prazo dado pola Deputación para aprobar o Plan de Obras recoñeceu que todo “depende do pleno” pero que pola súa parte ten “as mans abertas e os brazos tendidos a calquera tipo de acordo para non perder subvencións”.
Última oportunidade para aprobar o POS
En declaracións a Radio Xallas manifestou:”Se nos presentan unha proposta por escrito que se axuste ás bases, a mandaremos a Deputación, por suposto”. Aclarou que é “a última oportunidade”.
Entrevista a Carballido- Desde minuto 84
Moción de censura?
Sobre a posible moción de censura que adiantou Pose Verdes no programa “Na Encrucillada” pregúntase porque non a presentaron antes:”Se presentaran antes a moción non tiñamos perdido o plan de obras”.En relación ás reiteradas mensaxes do PP asegurando que o alcalde non era “un interlocutor válido” Carballido pensa que “é unha excusa para non negociar”.
Situación política e audios
Tamén falou da situación de minoría na que está o PSOE logo de obter unha maioría absoluta. Confesou que foi “unha decepción” todo o que pasou porque “tíñamos outros plans para esta lexislatura”. Dixo que supuxo “un revés anímico importante” pero que agora o seu goberno se estaba “aplicando a tope”.
Ao ser preguntado se en realidade non se recoñecía nos audios que circulan, esquivou a mesma e subliñou que “fun moitas veces xulgado e sempre fallaron ao meu favor. Tiven denuncias e querellas e os tribunais déronme a razón pero ningún dos que se querellou contra min me pediu perdón”.Con todo isto declarou que non garda rencor nin “vinganza” e que a súa prioridade é “o progreso de Ponteceso”.